Inicio Carballo ao día Novas Carballo conmemorou o Día Internacional da...

Os paraugas da campaña “En negro contra as violencias” abrigaron ás persoas participantes na concentración ás portas da Casa do Concello

Carballo conmemorou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas

O IES Alfredo Brañas foi escenario dunha mesa redonda na que se falou sobre violencia na adolescencia

Venres 24 de novembro do 2017

“A violencia machista conculca os dereitos e pon en risco a vida de moitas mulleres galegas e das súas fillas e fillos, que tanto de forma directa como indirecta son obxecto da violencia que se leva a cabo dentro dos seus fogares, deixando secuelas imposibles de borrar”. Deste xeito comeza a Declaración Institucional do 25 de Novembro aprobada por unanimidade polo pleno da corporación, e con esas palabras, ás que deu lectura o alcalde, comezou tamén a concentración contra as violencias que tivo lugar este mediodía ás portas da Casa do Concello. 

Partidos políticos, persoal dos distintos departamentos e servizos municipais, forzas de seguridade e unha variada representación do movemento asociativo secundou o chamamento realizado desde a Concellaría de Igualdade e Benestar e o Centro de Información á Muller para conmemorar, ao mesmo tempo que outros 74 concellos e deputacións galegas, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas.

Rematada a lectura da Declaración Institucional, que expresa o rexeitamento á violencia contra mulleres e nenas, o compromiso do Concello de Carballo de traballar na prevención da violencia machista e a solicitude de máis recursos para os xulgados de violencia de xénero, Evencio Ferrero convidou ás persoas asistentes a gardar dous minutos de silencio polas máis de corenta mulleres asasinadas este ano no noso país.

Os paraugas da campaña Carballo en negro contra as violencias abrigaron ás persoas que se concentraron ás portas da Casa do Concello e que despediron o acto cun aplauso.

Mesa redonda

A concentración non foi o único acto desta xornada. Ás 09.30 horas arrancaba no salón de actos do IES Alfredo Brañas, absolutamente cheo, unha mesa redonda na que persoal do CIM, forzas de seguridade, alumnado, profesorado e vítimas abordaron a violencia na adolescencia. De feito, un dos aspectos nos que incide a Declaración Institucional aprobada pola corporación é a perpetuación da desigualdade entre mozos e mozas nas novas canles de comunicación, polo que desde o Concello de Carballo avógase “por un cambio profundo dos modelos de masculinidade e feminidade, así como da maneira na que se constrúen as relacións afectivo-sexuais entre homes e mulleres”.

Para mañá sábado pola noite está previsto un apagado simbólico do alumeado tamén na Praza do Concello. Os días 28 e 29 celebrarase no Pazo da Cultura un obradoiro de autodefensa persoal para mulleres, e o mércores 29 rematarán os actos coa actuación da Tropa de Trapo, co espectáculo Contamos todas, para o alumnado de 1º de Bacharelato.

Compartir: