Inicio Carballo ao día Novas Presentados aos grupos municipais os datos da...

Presentados aos grupos municipais os datos da enquisa de mobilidade previa á elaboración da estratexia de mellora do espazo público

O uso “abusivo” do vehículo é unha das conclusións do estudo técnico, que a partir de agora entrará na fase de diagnóstico a través da participación cidadá

Xoves 23 de novembro do 2017

Ata agora podiamos intuílo, pero agora xa dispoñemos de datos obxectivos que revelan “un abuso na utilización do coche”. É unha das conclusións dos traballos a pé de campo realizados pola UTE Tema Ingeniería-iPlan como paso previo á elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público. Os datos foron presentados hoxe por técnicos da empresa nunha xuntanza co alcalde e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, os voceiros dos grupos da oposición e o equipo técnico municipal que participa tamén no proxecto.

En Carballo realízanse 74.434 desprazamentos diarios. Os motorizados supoñen o 65,89%, e case todos se fan en coche particular. O uso do autobús é case residual, con 616 viaxes diarias (0,83% do total). En canto aos desprazamentos non motorizados, cada día realízanse 25.395 (34,11%), e coa bicicleta pasa o mesmo que co autobús: o seu uso é mínimo (0,76% do total), o que contrasta coa valoración positiva que fan as persoas enquisadas sobre este medio de transporte. En definitiva, os desprazamentos en coche no casco urbano de Carballo supoñen case o dobre que a pé.

Os traballos de campo realizados polo equipo da UTE Tema Ingeniería-iPlan reflicten que un 31% dos desprazamentos en vehículo privado corresponden a distancias menores de 3 quilómetros, que serían susceptibles de ser realizados en bicicleta ou a pé. Outro dato curioso é que cada carballés/a maior de 15 anos realiza unha media diaria de 2,57 desprazamentos.

En que consistiron os traballos de campo?

Os estudos previos incluíron 351 enquisas telefónicas, 336 enquisas peonís, 1.864 a condutores/as, aforos peonís en tres puntos, aforos de vehículo motorizado en 7 puntos, análise de tres itinerarios con vehículo flotante e inventario e prospección de prazas de aparcamento dispoñibles.

Na xuntanza de hoxe, os representantes dos grupos municipais coincidiron na importancia de abrir o proceso á participación veciñal

Os aforos peonís realizáronse na rúa Fomento (punto 1), no cruce Perú-Pontevedra (punto 2) e na intersección Praza de Galicia-Coruña-Martín Herrera (punto 3). Como se fixeron nun día laborable normal e tamén nun día de mercado, os datos permítennos saber que, por exemplo, un xoves pola mañá pasan polos puntos 2 e 3 case o dobre de peóns que calquera outro día da semana pola mañá. Esa diferenza redúcese moito no punto 1, onde non chega ao 30%. Os días de mercado o tránsito peonil aumenta moito máis, porcentualmente, que o rodado. De feito, nos 7 puntos aforados rexistráronse 34.036 vehículos nunha mañá laborable normal e 36.562 nunha mañá de xoves. Tamén se constata unha redución do tráfico polas tardes, cunha media de 27.150 desprazamentos motorizados. Os vehículos pesados supoñen, nun día laborable medio, o 3,52% do tráfico rodado.

O estudo dos aparcadoiros revela que existe un “uso intensivo” dos máis próximos ao centro, sobre todo os días de mercado, pero a franxa de maior ocupación en xornadas laborables normais é a das 19.00 horas. A medida que nos afastamos diminúe a ocupación, que non supera o 60% en día de feira na franxa horaria do mediodía.

Segunda fase

Unha vez completada a fase 1, o proxecto de elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público e da mobilidade no concello de Carballo entrará en breve na fase 2, que consistirá na exposición da situación actual e do contraste dos problemas detectados cos axentes sociais. Neste sentido está previsto crear grupos de discusión con distintos sectores, abrir un espazo de suxestións e organizar mesas redondas e foros de debate para chegar a un diagnóstico participado, que será o documento base para a fase 3 (elaboración de propostas). Na xuntanza de hoxe, os representantes dos grupos municipais coincidiron na importancia de abrir o proceso á participación veciñal.

Compartir: