Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo destinará 2,6...

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación do contrato á empresa Servizos Sociais Ulla-Sar

O Concello de Carballo destinará 2,6 millóns de euros ao servizo de axuda no fogar nos vindeiros catro anos

Aprobadas as subvencións anuais ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolven actividades no eido social por un total de 32.000 euros

Luns 20 de novembro do 2017

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa reunión de hoxe a adxudicación do servizo de axuda no fogar á empresa Servizos Sociais Ulla-Sar por un importe de 2,6 millóns de euros para un período de catro anos (con posibilidade de dous anos máis de prórroga). Trátase dunha cantidade estimada, tendo en conta, por un lado, o número de horas e os días en que se prestan, e, por outro, os prezos por hora ofrecidos pola empresa. Deste xeito, cada hora de atención a dependentes custaralle ao Concello de Carballo 13,15 euros de luns a sábado e 15,40 os domingos e festivos, mentres que o prezo das horas de libre concorrencia será de 12,40 euros de luns a sábado.

A maiores, Servizos Sociais Ulla-Sar ofrece unha serie de prestacións complementarias sen custe adicional: 650 sesións anuais de fisioterapia, 450 de podoloxía, 100 de logopedia a domicilio, 450 de asistencia psicolóxica, 100 de perrucaría a domicilio, 100 de limpezas extraordinarias e 30 de transporte adaptado, ademais dunha serie de axudas técnicas tamén con carácter anual (4 camas articuladas, 4 grúas de mobilidade persoal, 4 colchóns antiescaras, 4 cadeiras de ducha-baño, 2 cadeiras de rodas, 1 par de muletas e un andador).

O obxectivo do Servizo de Axuda no Fogar é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e precisan algún tipo de apoio para a realización de tarefas básicas da vida diaria. Deste xeito, o servizo municipal ofrécelles un conxunto de intervencións profesionais, de carácter preventivo, rehabilitador e asistencial, planificadas, coordinadas e supervisadas polo persoal técnico designado dos servizos sociais de atención primaria e desenvolvidas por persoal cualificado.

En materia social, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou as subvencións anuais para as entidades sen ánimo de lucro que desenvolven accións no eido dos servizos sociais. Tres das solicitudes foron rexeitadas por non axustarse ás bases, de xeito que os 32.000 euros consignados quedan repartidos como figura no cadro superior.

Praza de inspector da Policía Local

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases e a convocatoria para cubrir en propiedade unha praza de inspector da Policía Local, incluída na Oferta de Emprego Público do ano 2017, polo sistema de concurso.

Na sesión de hoxe tamén se aprobaron convenios de prácticas coa Universidade de Santiago e a Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociais, por unha banda, e coa Cruz Vermella, por outra. Tamén saíu adiante un acordo co CEIP Nétoma-Razo para a utilización do pavillón polideportivo do colexio fóra do horario lectivo e outro coa Fegamp e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o uso do pavillón deportivo do IES Isidro Parga Pondal.

Compartir: