Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo impulsa o servizo de...

A BOLSA DE TRABALLO CUMPRE 5 ANOS CONVERTIDA NUNHA REFERENCIA TANTO PARA AS PERSOAS DESEMPREGADAS COMO PARA AS EMPRESAS

O Concello de Carballo impulsa o servizo de orientación laboral e axiliza os procesos de busca de emprego a través da BDT

A oferta formativa para persoas inscritas como demandantes de emprego completarase en decembro coa posta en marcha dos cursos de Servizos de bar e cafetería e Programación de sistemas informáticos

Sábado 18 de novembro do 2017

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo cumprirá mañá cinco anos, e ao longo deste tempo conseguiu converterse nun servizo de referencia tanto para as persoas que buscan un emprego ou que queren mellorar a súa situación laboral como, cada vez máis, das empresas que demandan man de obra cualificada e perfís moi concretos de traballadores/as.

Dentro do proceso de mellora do servizo, o Concello de Carballo conta con dúas novas orientadoras laborais que están xa a disposición da cidadanía que se atope en proceso de busca ou mellora de emprego. Estas incorporacións permitirán impulsar os servizos de información e orientación, pero tamén axilizar os procesos de busca de emprego a través da BDT.

Nestes momentos, de feito, están abertos varios procesos nos que urxe a selección de candidatos/as para os seguintes postos:

  • Carpinteiros/as metálicos, de aluminio e PVC a xornada completa para Carballo 
  • Carpinteiros/as de madeira oficiais de 2ª para Tordoia.
  • Perruqueiros/as con experiencia para Carballo a xornada completa e para A Coruña a 30 horas semanais.
  • Pinche de cociña para Carballo. Xornada completa partida.
  • Chapista-Pintor/a para Carballo a xornada completa. Imprescindible 4/5 anos de experiencia no sector.
  • Intalador/a en prácticas de fontanería e calefacción. Requisito obrigatorio ter cursado e superado nos últimos 5 anos un ciclo formativo vinculado co sector.
  • Operario/a de redes de distribución de enerxía eléctrica para A Laracha. Xornada completa.
  • Camareiros/as con experiencia para Carballo a xornada completa e partida.
  • Xerocultores/as e auxiliares de axuda no domicilio para Carballo e para A Laracha. Ofrécense medias xornadas e xornada completa. Imprescindible ciclo formativo de atención sociosanitaria, auxiliar de enfermería ou certificado de profesionalidade.
  • Diplomado/a en DUE, enfermería, para Carballo. Xornada completa. 
As persoas interesadas poden informarse no 2º andar do Fórum Carballo ou chamando aos números de teléfono 981709010-981709011.

Formación

Outro dos piares do servizo xestionado pola Concellaría de Promoción Económica é a formación. Neste sentido, ás 42 persoas que están preparándose agora mesmo no obradoiro de emprego de carpintería e nos cursos AFD de soldadura e electricidade sumaranse outras 30 a partir do mes que vén. O Concello de Carballo ten previsto iniciar en decembro os cursos de Servizos de bar e cafetería e Programación de sistemas informáticos, dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Neste momento está en marcha o proceso de selección de profesorado (poden consultarse as bases na sección de Convocatorias, nesta mesma web), e pronto comezará o do alumnado. As persoas interesadas en asistir ao curso deben dirixirse á oficina de emprego, situada na planta baixa do Fórum Carballo, onde poderán inscribirse e/ou solicitar información. Os programas de ámbolos dous cursos poden descargarse ao final desta nova.

Descargas

Compartir: