Inicio Carballo ao día Novas Xestur destaca o dinamismo do polígono...

Xestur destaca o dinamismo do polígono industrial de Bértoa pero non ten prevista de momento a ampliación

Evencio Ferrero insistiu durante a xornada organizada por Axober na necesidade de anticiparse á demanda futura

Sábado 11 de novembro do 2017

Santiago Ángel Luaces, Isidro Varela, María Doporto e Evencio Ferrero

Santiago Ángel Luaces, Isidro Varela, María Doporto e Evencio Ferrero

O café-tertulia sobre Oportunidades e fortalezas do polígono industrial de Bértoa permitiu constatar que estamos ante unha das superficies empresariais máis dinámicas de Galicia. “É un polígono estratéxico, porque está nun eixo de conexións viarias moi importantes e sobrepasa as dimensións dun polígono cabeceira de comarca”, manifestou María Doporto Santos, coordinadora da Unidade Territorial Zona Norte de Xestur. Para ela foron a maior parte das preguntas formuladas polos asistentes, na súa maioría empresarios/as, moi interesados en coñecer aspectos concretos sobre condicións de venda, segregación ou unión de parcelas, pero tamén as previsións de Xestur de cara ao futuro. Neste sentido, María Doporto manifestou que polo momento non está previsto acometer a ampliación demandada, por unanimidade, pola corporación municipal, xa que aínda queda unha bolsa de solo “moi importante” de 160.000 metros cadrados que, na súa opinión, vaise esgotar “a moi longo prazo”.

Segundo explicou a representante de Xestur, a empresa pública promotora do polígono, nestes momentos hai 275.000 metros cadrados vendidos, 25.000 reservados e 160.000 libres. “Estamos moi contentos co funcionamento deste polígono, porque conseguimos que se implantasen nel varias empresas tractoras da economía, e agora tamén están vindo as auxiliares das tractoras”, asegurou.

Desde Xestur tamén se fai un seguimento da actividade urbanística e empresarial, porque, como apuntou María Doporto, “a nosa prioridade non é só vender, senón que efectivamente se instalen empresas”. Deste xeito, destacou que en tres anos concedéronse 18 licenzas, 8 delas corresponden a naves xa rematadas, e hai 20 máis solicitadas. “Isto demostra que se está movendo moito a economía da zona”, manifestou.

Pero ademais dos prezos do solo, que foi outro dos asuntos polos que se preguntou na xuntanza, ou un novo produto que consiste nun arrendamento con opción de compra con moi boas condicións, María Doporto considera que ao éxito do polígono de Bértoa tamén contribúen a existencia dunha man de obra especializada e dunha poboación moza na nosa contorna. “Son –declarou- valores engadidos”.

A xornada celebrouse no Fórum Carballo

A xornada celebrouse no Fórum Carballo

Na Axober Work Party tamén participou o alcalde de Carballo, que, en relación coa petición de ampliación do polígono por parte da corporación municipal, aludiu á “obriga” das Administracións de anticiparse ás necesidades futuras e insistiu en que unha actuación desta envergadura require unha tramitación “de anos”. Desde o Concello de Carballo, manifestou Evencio Ferrero, existe o compromiso de “dar todas as facilidades para que as empresas se poidan instalar”, e a ese respecto comentou que coas reducións do ICIO aprobadas xa se levan bonificado un total de 135.000 euros.

A xornada completouse coa intervención de Santiago Ángel Luaces, técnico en negocios da Dirección Territorial de Galicia de CaixaBank, para atender ás dúbidas dos asistentes sobre as opcións de financiamento por parte das entidades bancarias. Luaces explicou as condicións actuais e convidou aos interesados a informarse sobre o programa de financiamento do Igape.

Compartir: