Inicio Carballo ao día Novas O Centro de Información á Muller...

O Centro de Información á Muller organiza un curso de autodefensa persoal dentro dos actos do 25 de novembro

Xa son case un cento de establecementos comerciais, hostaleiros e empresariais os que teñen confirmada a súa participación na campaña “En negro contra a violencia”

Venres 10 de novembro do 2017

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Carballo desenvolverá numerosas actividades arredor do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, entre elas un curso de autodefensa persoal que se celebrará os días 28 e 29 deste mes, de 10.00 a 14.00 horas, no Pazo da Cultura. O prazo para anotarse está aberto ata o día 24, e as mulleres interesadas poden anotarse nas oficinas do CIM (edificio de Servizos Sociais na praza Médico Eduardo Mariño) de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas ou chamando ao teléfono 981 700 688. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.

O obradoiro de autodefensa forma parte da programación da Rede de Concellos contra a Violencia, da que Carballo forma parte, e é froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade, a Academia Galega de Seguridade Pública e a Federación Galega de Loita. O obxectivo, explican desde o CIM, é “formar ás mulleres en técnicas de autoprotección e defensa persoal en situacións de ameaza, risco ou agresión, ademais de amosarlles unha serie de pautas preventivas, todo isto para que tomen conciencia dos seus dereitos, da súa forza e da súa valía a través do traballo físico”.

Campaña "En negro contra a violencia"

O CIM, xestionado desde a Concellería de Igualdade e Benestar, tamén está a traballar na posta en marcha da campaña “En negro contra a violencia”, que arrancará o día 20 en case un cento de empresas, comercios e locais de hostalería do noso concello coa finalidade de darlle visibilidade á situación de violencia na que viven moitas mulleres. Se algún establecemento aínda quere sumarse debe comunicalo o antes posible nos teléfonos 981700688 ou 638123460, ou ben enviar un correo electrónico cos datos de contacto a carballoennegro2017@gmail.com.

Compartir: