Inicio Carballo ao día Novas Luis Lamas avogou en Oviedo pola...

Luis Lamas avogou en Oviedo pola participación cidadá como un factor clave para converter os residuos en recursos

O concelleiro de Obras e Servizos participou na xornada técnica sobre economía circular organizada pola fundación Humana con expertos de toda España

Venres 10 de novembro do 2017

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, participou onte en Oviedo na xornada técnica Avanzando cara a economía circular. A xestión sostible dos residuos, organizada por Humana Fundación Pueblo para Pueblo e que contou tamén con representantes do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o  Goberno do Principado de Asturias, o Concello de Oviedo; das entidades públicas que xestionan os residuos de Asturias (COGERSA) e Galicia (SOGAMA), así como da Mancomunidade de Sakana (Navarra), da Fundación para a Economía Circular e da Universidade de Santiago de Compostela.

Luis Lamas, que representou aos concellos galegos na mesa redonda As entidades locais na economía circular e o papel dos cidadáns, avogou pola constancia para conseguir a confianza e, en consecuencia, a implicación da veciñanza da xestión axeitada dos residuos. “Hai que implicar á cidadanía para logar maiores cotas de recollida selectiva, pero non con días mundiais ou con eventos que se celebran anualmente senón cun compromiso continuo do día a día, para lograr que senta orgullosa de onde vive”, manifestou.

Luis Lamas participou na mesa redonda

Luis Lamas participou na mesa redonda "As entidades locais na economía circular e o papel dos cidadáns"

A principal conclusión da xornada, na que participaron 80 persoas, é que resulta insostible seguir aplicando un modelo económico que esgota os recursos naturais; de aí a importancia de facelo por outro que contempla os residuos como recursos. Precisamente a xestión apropiada dos residuos, algo imprescindible para aplicar a economía circular, desempeña un papel fundamental o compromiso de administracións e cidadanía.

Dunha economía lineal a unha economía circular

Os relatores coincidiron en que a nosa sociedade afronta un contexto de escaseza de materias primas e perentorias problemas ambientais, e na necesidade de utilizar os recursos da forma máis eficiente posible, reducir malgastes innecesarios e modificar as pautas de produción, consumo e xestión de residuos para contribuír a unha economía circular.

Trátase de substituír unha economía lineal baseada en extraer, producir, consumir e tirar, por un modelo circular no que se reincorporen ao proceso produtivo os materiais que conteñen os residuos para a produción de novos produtos ou materias primas. Nesta formulación, a redución, a reutilización, a reciclaxe ou a valorización material constitúen procesos esenciais.

Compartir: