Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo formaliza a...

O Concello de Carballo formaliza a adquisición dos primeiros 10.000 metros cadrados de terreo no Bosque

Evencio Ferrero asinou hoxe o contrato de compravenda cos propietarios de dúas parcelas a un prezo de 5,98 euros o metro cadrado

Xoves 9 de novembro do 2017

O Concello de Carballo xa é propietario de 10.000 metros cadrados máis de terreo no Bosque do Añón, os primeiros adquiridos a través da oferta pública que se lanzou fai un ano. Evencio Ferrero formalizou hoxe ante notario a compravenda de dúas parcelas de 5.388 e 4.876 metros cadrados por un total de 61.378,72 euros, o que supón un prezo de 5,98 euros por metro cadrado. O proceso de adquisición de solo é complicado debido á multipropiedade e sobre todo porque, como explica a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, moitas fincas non están inscritas no Rexistro da Propiedade. Sen embargo, agarda que unha vez formalizadas estas dúas primeiras operacións, a tramitación das futuras sexa máis doada.

O obxectivo do goberno municipal é ir adquirindo os case 500.000 metros cadrados de solo rústico de protección natural e protección de augas existente en ámbalas marxes do Anllóns no ámbito comprendido entre a ponte da Milagrosa e a de Bértoa para incorporalo ao patrimonio público como espazo de recreo e zona verde. Ata hoxe o Concello de Carballo dispoñía de 15.320 metros cadrados, aos que se suman agora outros 10.000.

Para levar a cabo o proceso de compra, desde o Concello dividiuse ese amplo espazo en sete zonas, outorgándolles prioridade ás de máis uso. As dúas parcelas adquiridas hoxe están situadas na zona 2 (no plano adxunto aparecen rodeadas cun círculo), e a intención do goberno local é seguir consignando unha partida nos orzamentos municipais de cada ano ata completar a adquisición de todo o ámbito, que está chamado a ser o gran parque urbano da nosa vila.



Galería

Compartir: