Inicio Carballo ao día Novas Trinta agrupacións actuarán en...

Trinta agrupacións actuarán en Carballo nos vindeiros trinta días nos 14 concertos do programa Novembro con Música

As formacións locais son as principais protagonistas dun cartel que inclúe folk, música coral, clásica e pop, entre outros xéneros

Martes 7 de novembro do 2017 Cultura

Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron hoxe o programa

Evencio Ferrero e Marcos Trigo presentaron hoxe o programa

“Case non arrefriaron os focos do FIOT, porque aínda rematou este domingo co teatro lido, e xa estamos presentando a programación de Novembro co Música”, comentou Evencio Ferrero na presentación dunha nova proposta de actividades que segue a manter o noso concello como unha das locomotoras do tren cultural galego. E non é para menos, porque en trinta días, do 10 de novembro ao 10 de decembro, Novembro con Música reunirá a 30 agrupacións, conxuntos ou solistas nun total de 14 concertos organizados directamente polo Concello de Carballo ou en colaboración con diferentes entidades.

“Un dos obxectivos do programa –explicou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo- é concentrar unha oferta musical na que están representados distintos estilos, tanto de grupos afeccionados como profesionais. Os protagonistas de Novembro con Música son, principalmente, as formacións musicais de Carballo, que desenvolven unha intensa actividade durante todo o ano e que tamén o Concello apoia a través do Convenio Musical”.

Novembro con música ofrece calidade e variedade para chegar a públicos de todas as idades, e ademais de balde. Todas as actuacións son gratuítas agás a de María Fumaça prevista para este domingo 12 dentro do festival Inlusón, organizado pola asociación Aloumiños e que terá unha entrada solidaria. Por certo que xa están á venda a un prezo de 5 euros  no local de Aloumiños (Casa da Xuventude) de 10 a 14 horas ou no establecemento El Rincón de María de 17.30 a 20.30.

A programación comezará este venres 10 co festival Live in Cances, organizado pola Asociación Cultural San Campio, e que contará con Versión Imposible, Psychofonía e os debutantes Flying Knives. Nos concertos organizados directamente polo Concello de Carballo temos novidades en canto a horarios: os dos venres serán ás 21; os dos sábados, ás 20.30, e os dos domingos, ás 18. E este ano tamén se botará en falta a participación da Coral Polifónica de Bergantiños debido ao falecemento do marido da directora, Gloria Pardines.

O programa completo está á vosa disposición no documento adxunto.

Descargas

Compartir: