Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo dá un paso...

O Concello de Carballo dá un paso máis na redución de residuos implantando o sistema da vermicompostaxe

As familias que queiran participar no programa, que comezará coa distribución de 22 vermicomposteiros, teñen un mes de prazo para presentar a solicitude

Martes 7 de novembro do 2017

O presidente de Sogama, nunha xuntanza co alcalde, o concelleiro de Obras e Servizos e o asesor técnico de Medio Ambiente do Concello

O presidente de Sogama, nunha xuntanza co alcalde, o concelleiro de Obras e Servizos e o asesor técnico de Medio Ambiente do Concello

En Carballo xa son 150 as familias do rural que están colaborando na redución de residuos por medio da compostaxe caseira. Este modelo de tratamento de residuos e a implicación das familias está demostrando que hai modelos alternativos e que funcionan. De feito, tense feito o cálculo do que supón en canto a redución do número de toneladas que non irán a parar ao colector verde e supera as 100 toneladas ao ano só nas 150 vivendas que xa contan con composteiro.

Nesta nova fase imos dar un paso máis e incorporar a VERMICOMPOSTAXE. Comezaremos con 22 vermicomposteiros que se xestionarán cunha nova tecnoloxía para o tratamento dos residuos orgánicos. Este tratamento realízase con “miñocas” que se incorporan no vermicomposteiro. A implantación correrá a cargo da empresa especializada Ecocelta, que leva a asistencia técnica do programa no que participan Sogama e o Concello. De feito, o presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, ten participado en varias xuntanzas co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, para abordar a posta en marcha deste proxecto.

Desde o Concello de Carballo estamos convencidos de que todos os pasos que entre todas e todos deamos para a eliminación de residuos dun xeito responsable co medio axudarán a facer de Carballo e do mundo un bo lugar para vivir.

A partir de hoxe abrimos un proceso de inscrición dun mes para todas aquelas familias que queiran participar neste importante proxecto para conseguir un Carballo Sostible. O vermicomposteiro e a formación para o seu uso ofreceranse de xeito gratuíto grazas á colaboración entre Sogama e o Concello de Carballo. Como en iniciativas anteriores, as vivendas que queden fóra desta fase pasarán a unha lista de agarda para posteriores accións.

Desde Carballo Limpo agradecemos de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 70 41 00, na web www.carballolimpo.com ou en Twitter @CarballoLimpo.

Ligazóns

Compartir: