Inicio Carballo ao día Novas Incendios, obra gañadora do Premio do...

Incendios, obra gañadora do Premio do Público do FIOT 2017

O espectáculo de Ysarca e Teatro de La Abadía, protagonizado por Nuria Espert, obtivo unha nota de 4,86 sobre 5

Luns 6 de novembro do 2017 Cultura

Nuria Espert, en

Nuria Espert, en "Incendios"

Incendios, a obra de Ysarca e Teatro de la Abadía protagonizada pola veterana Nuria Espert, Premio Princesa de Asturias das Artes, resultou escollida como a gañadora do Premio do Público da XXVI edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, cunha puntuación de 4,86 sobre 5. Era unha das grandes esperadas e non defraudou. Tampoco o fixo El hijo que quiero tener, de El Pont Flotant, un impresionante experimento interxeracional que non deixou indiferente a ninguén e que logrou a segunda mellor consideración dos espectadores.

Pero entre os éxitos indiscutibles destaca Fillos do Sol, unha estrea absoluta no festival, que coproduciu coa compañía Contraproducións. Calificada coa terceira mellor puntuación (4,6 sobre 5), a última creación do director galego de moda, Cándido Pazó, foi unha das sensacións desta edición.

O éxito de Fillos do Sol supón un respaldo do público á estratexia de apoio á creación por parte do FIOT, que este ano coproduciu tres obras e desenvolveu numerosas actividades para favorecer aos creadores emerxentes, como é o caso das residencias de actores.


A mellor valoración do FIOT en 10 anos

A carballesa Alba Bermúdez, unha das protagonistas de

A carballesa Alba Bermúdez, unha das protagonistas de "Fillos do sol"

En conxunto, este ano foi o mellor valorado da última década, cunha nota de 4,27 sobre 5. O Ciclo OTNI tamén obtivo o mellor recoñecemento dos espectadores da súa historia, con 4,2 puntos. No novidoso Certame de Microteatro Metro Cadrado (M²), os favoritos do público foron Amor de pé, de Tukumpas Teatro ao mellor espectáculo; Martín Pol ('Amor de pé') á mellor interpretación masculina; e Iria Sobrado ('Brinde') á mellor interpretación feminina.

O público non só premiou as obras coa súa puntuación, senón tamén coa súa asistencia masiva ás distintas actividades e espectáculos que tiveron lugar entre o 16 de setembro e o 28 de outubro. Así, máis de 10.200 persoas participaron nas 96 actividades do festival, cun total de 6.720 espectadores nas 74 funcións de 35 espectáculos diferentes. Isto deixa unha media de 304 asistentes nas obras do ciclo principal, o que supón unha ocupación do 90% en sala.

Compartir: