Inicio Carballo ao día Novas Carballo representará aos concellos...

Carballo representará aos concellos galegos nunha xornada técnica sobre economía circular que se celebrará o día 9 en Oviedo

Sogama e a Universidade de Santiago de Compostela completan a participación galega na iniciativa, organizada pola fundación Humana

Venres 3 de novembro do 2017

Luis Lamas será o representante do Concello de Carballo

Luis Lamas será o representante do Concello de Carballo

Carballo representará aos concellos galegos na xornada técnica Avanzando cara a economía circular. A xestión sostible dos residuos, que se celebrará o día 9 en Oviedo. Ata a capital do Principado de Asturias desprazarase o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que participará na mesa redonda titulada As entidades locais na economía circular e o papel dos cidadáns xunto a representantes doutras entidades públicas.

A organización da xornada corresponde a Humana Fundación Pueblo para Pueblo, que desde 1987 contribúe á protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil, e que con esta iniciativa pretende expoñer dun xeito práctico en que consiste a economía circular achegando exemplos concretos.

Con ese obxectivo contará con representantes do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), o  Goberno do Principado de Asturias, o Concello de Oviedo; das entidades públicas que xestionan os residuos de Asturias (COGERSA), Galicia (SOGAMA), o Concello de Carballo e a Mancomunidade de Sakana (Navarra); así como da Fundación para a Economía Circular e da Universidade de Santiago de Compostela. O programa completo figura no documento adxunto.

Humana defende que dentro da economía circular é fundamental unha xestión óptima dos residuos para impulsar a prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe e valorización dos residuos para así convertelos en recursos; crear emprego e contribuír ao crecemento económico; amosar como os novos modelos de negocio, o ecodeseño e a simbiose industrial poden conducirnos ata o residuo cero, e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e o seu impacto ambiental.

Descargas



Galería

Compartir: