Inicio Carballo ao día Novas O servizo municipal de control de pragas xa leva...

O servizo municipal de control de pragas xa leva retirados este ano máis de medio millar de niños de vespa velutina

No mes de outubro elimináronse 132, a maioría deles en árbores, e en catro casos foi preciso acceder con grúa

Xoves 2 de novembro do 2017

A invasión da velutina volve a gañar terreo. Despois do descenso rexistrado en setembro, o servizo municipal de control de pragas volveu a despregar unha intensa actividade no mes de outubro, no que foron eliminados 132 niños de vespa asiática. Deste xeito, no que vai de ano retiráronse un total de 512 en todo o termo municipal.

As parroquias de Rus, Berdillo e Artes concentraron a maior parte dos avisos. De feito, na terceira foron eliminados nun só día 9 niños, todos situados en árbores e todos no lugar de Vilar de Francos. A maioría dos niños de vespa asiática están en árbores, sobre todo abeneiros, e a moita altura. No último mes, de feito, o servizo municipal de control de pragas tivo que acceder con grúa en catro ocasións. Cornixas, valados e alpendres tamén seguen a ser emprazamentos habituais para as vespas, que de novo tiveron presenza en todas as parroquias e ata chegaron á reitoral de Bértoa. Como anécdota, en outubro tamén se recibiron dous avisos que non se correspondían con niños de velutina, senón de andoriña.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, dende onde se poñerán en contacto coa empresa concesionaria do servizo municipal de control de pragas para que proceda á súa retirada.

Compartir: