Inicio Carballo ao día Novas Expo Voda celebra o seu quinto aniversario con...

Expo Voda celebra o seu quinto aniversario con entrada de balde e sorteos de dúas fins de semana en parella

O salón de cerimonias organizado polo CCA celebrarase os días 11 e 12 de novembro no mercado municipal

Luns 30 de outubro do 2017

Mari Carmen Freire, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na presentación

Mari Carmen Freire, Evencio Ferrero e Xosé Regueira, na presentación

O mercado municipal de Carballo volve a abrir as súas portas a un dos eventos con máis glamur do ano: Expo Voda.  A quinta edición do Salón de vodas, comuñóns e celebracións que organiza o Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo celebrarase os días 11 e 12 de novembro, de 11 a 20 horas. Hoxe a xerente da asociación de comerciantes, Mari Carmen Freire, ofreceu todos os detalles previos acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, e polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Para conmemorar este quinto aniversario a entrada a Expo Voda será, por primeira vez, de balde. E, ademais, o público non só non terá que pagar, senón que ademais poderá participar nos sorteos de dúas fins de semana en parella que se realizarán tanto o sábado como o domingo ás 19.30 horas.

Á parte das novidades que deu a coñecer Mari Carmen Freire, Expo Voda será moi semellante ás catro edicións anteriores, con 37 stands de 35 empresas de sectores moi variados pero que son imprescindibles para calquera celebración. Aínda que non todas son socias do CCA, a xerente da entidade destacou que “hai unha porcentaxe elevada de empresas locais e da contorna”. A relación completa figura no documento adxunto.

Xosé Regueira destacou a actividade que desenvolve o CCA ao longo do ano e manifestou o seu desexo de que Expo Voda sexa unha iniciativa útil para as persoas que preparan cerimonias para o ano que vén e rendible para as empresas participantes. Nese sentido, Evencio Ferrero apuntou que cando un evento se repite é “porque o público asiste, as empresas sácanlle rendibilidade e os organizadores seguen animados grazas a esa boa resposta”. Desde ese punto de vista, engadiu, Expo Voda é “un éxito ano tras ano”.

Descargas

Compartir: