Inicio Carballo ao día Novas Carballo, concello piloto en Galicia no programa...

Carballo, concello piloto en Galicia no programa estatal de mellora do emprego xuvenil “Soy emprended@r”

Vinte mozos e mozas menores de 30 anos e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil disporán ata fin de ano dunha nova ferramenta para mellorar a súa empregabilidade

Luns 30 de outubro do 2017

A presentación do proxecto tivo lugar hoxe na Casa do Concello

A presentación do proxecto tivo lugar hoxe na Casa do Concello

A Rede Araña, integrada por entidades de toda España que traballan pola mellora do emprego, e a Fundación Incyde desenvolverán ata fin de ano en Carballo, coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica, un programa pioneiro en Galicia que ten como finalidade mellorar a empregabilidade e fomentar as iniciativas emprendedoras entre os mozos e as mozas menores de 30 anos que estean inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. O proxecto, denominado Soy emprended@r, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e desenvolverá as súas primeiras experiencias galegas nos municipios de Carballo e Ourense.

Alba Moretón, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Lidia Enrich

Alba Moretón, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Lidia Enrich

“É un programa de formación teórico-práctica que engloba 50 horas de formación na que se desenvolverán competencias claves para a posta en marcha de novos negocios, titorías individualizadas segundo as necesidades dos participantes e mentorías individuais como forma de acompañamento”, explicou Alba Moretón, unha das técnicas responsables da iniciativa, que se presentou hoxe na Casa do Concello.

A súa compañeira Lidia Enrich engadiu que o proxecto arrincará o vindeiro 3 de novembro. Xa hai 16 persoas inscritas, pero aínda quedan prazas dispoñibles. Os interesados poden anotarse a través da web www.soyemprendedorgalicia.es ou presencialmente, solicitando o formulario na Oficina de Promoción Económica (Museo de Bergantiños). O prazo rematará este xoves 2.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, expresou o seu desexo de que esta nova experiencia, “que encaixa perfectamente co traballo que vimos realizando desde a área de Promoción Económica para prestar apoio ás persoas que están buscando emprego”, se converta nun caso de éxito como foi a recente Lanzadeira de Emprego. Apuntou ademais que o Concello de Carballo colabora, basicamente, poñendo a disposición dos participantes as instalacións do Fórum.

O alcalde, pola súa banda, valorou positivamente iniciativas que, como esta, “contribúen a que se estabilicen as ilusións de moita xente nova”. Evencio Ferrero considera que en materia de emprego “todos os esforzos son necesarios”, e que precisamente para promover e apoiar todo ese labor que se vén desenvolvendo desde os ámbitos público e privado púxose en marcha no seu día o espazo Fórum.

Ligazóns

Compartir: