Inicio Carballo ao día Novas 2.000 familias carballesas poderán...

2.000 familias carballesas poderán participar na implantación da recollida selectiva de residuos de orixe orgánica

O Concello proporá no pleno ordinario do luns o financiamento da adquisición de 150 colectores con cargo ao Plan Único adicional

Venres 27 de outubro do 2017

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

Luis Lamas e Evencio Ferrero, na rolda de prensa de hoxe

O Concello de Carballo quere aproveitar o Plan Único adicional para poñer en marcha a recollida selectiva da denominada quinta fracción dos residuos, que non é nin máis nin menos que a materia orgánica. Dalgún xeito trátase de darlle continuidade ao exitoso proxecto piloto “Ti tes a chave”, que se levou a cabo no barrio da Milagrosa, e de estendelo a todo o casco urbano. O sistema de funcionamento será moi semellante, pero agora haberá 2.000 chaves, é dicir, 2.000 familias que dun xeito voluntario poderán sumarse á iniciativa.

Desde as concellerías de Obras e Servizos e Medio Ambiente levan tempo traballando neste proxecto, tanto no que respecta á recollida como ao posterior tratamento, sobre todo despois dos bos resultados acadados na Milagrosa. Agora xurde a posibilidade de empezar a darlle forma porque os fondos sobrantes dos investimentos incluídos no Plan Único permitirán non só acometer as melloras previstas na zona de Pedra Furada e na rúa Cándido González Tiradas (ámbalas dúas actuacións illadas que están previstas no PXOM), senón tamén financiar a adquisición de 151 contedores.

Segundo explicaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, cos 9.883 euros sobrantes podíase optar entre realizar un investimento que superase os 30.000 euros ou un subministro por máis de 18.000, e optouse por esta opción “para avanzar na calidade da recollida de lixo”.  A implantación realizarase de maneira gradual e sempre contando con voluntariado “para garantir que a calidade e óptima, como se conseguiu no seu momento na Milagrosa”, engadiu.

Ademais desta proposta, no pleno do vindeiro luns abordaranse outras cuestións que podedes consultar aquí.

Compartir: