Inicio Carballo ao día Novas As praias de Razo, Baldaio-Saíñas e...

As praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal renovan o certificado de xestión ambiental ISO 14001 ata o ano 2020

Os areais carballeses tamén superaron con boa nota a revisión do Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS)

Mércores 11 de outubro do 2017

A Concellería de Medio Ambiente vén de recibir un novo respaldo para o sistema de xestión ambiental das praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal coa renovación do certificado ISO 14001 ata o ano 2020. Os tres areais contan tamén co Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que é o máis prestixioso dos implantados na UE e que tamén acaba de renovarse tras unha exhaustiva análise de diferentes parámetros.

De feito, ámbolos dous certificados implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Supoñen ir un paso máis aló das bandeiras azuis, que se centran sobre todo no nivel de servizos das praias de cara a quen as usa, mais non tanto no seu desenvolvemento sostible.

Tanto o certificado ISO como o EMAS son máis que unha foto fixa da situación da praia nun momento determinado, pois implican un control continuado e a introdución de medidas correctoras. De cara á súa obtención, o Concello e Carballo, a través do departamento que dirixe Miguel Vales, ten implantado un sistema de xestión ambiental desde o ano 2014, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor de praias e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente.

Sistema de xestión ambiental

O sistema de xestión ambiental inclúe todas as actividades que se producen nas praias: limpeza e recollida de residuos, limpeza dos aseos e mantemento das instalacións, salvamento e socorrismo, control sanitario-ambiental das augas e baño e o ámbito da praia. Neste sentido, por exemplo, avalíanse aspectos como o consumo de gasóil, auga, papel ou electricidade; a xestión dos residuos, as emisións, os ruídos e os olores, a calidade das augas e da area ou a implicación do persoal, por exemplo.

O Concello de Carballo traballa para ampliar o sistema de xestión ambiental ás praias de Leira e Arnela.

Compartir: