Inicio Carballo ao día Novas Máis de 1.000 persoas participaron nas...

Máis de 1.000 persoas participaron nas actividades da Semana da Mobilidade

As rutas a pé ou en bicicleta organizadas por diferentes entidades coa colaboración do Concello rexistraron moitísima afluencia

Luns 9 de outubro do 2017

A ruta urbana en bici partiu da Praza do Concello

A ruta urbana en bici partiu da Praza do Concello

En Carballo vimos de inventar as semanas de 17 días, que son exactamente os que duraron as actividades organizadas arredor da Semana da Mobilidade. Entre o 22 de setembro e o 8 de outubro desenvolvéronse dez propostas moi diferentes, promovidas tanto desde a Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana como desde o movemento asociativo, nas que participaron algo máis de 1.000 persoas. As andainas programadas pola xunta local contra o cancro e o Club Ciclista Monteneme, xunto coas rutas ciclistas organizadas polos tres clubs locais, concentraron o groso da participación, pero en xeral a resposta foi moi boa.

A ruta histórica polo casco urbano fixo unha parada no Museo de Bergantiños

A ruta histórica polo casco urbano fixo unha parada no Museo de Bergantiños

A Semana da Mobilidade rematou esta fin de semana. Na ruta urbana en bicicleta do sábado houbo 70 participantes, nenas e nenos na súa maioría, que realizaron un percorrido por varias rutas da vila acompañados polos clubs ciclistas Carballo, Monteneme e Media Ducia. E onte, na ruta histórica guiada por Xan Fernández Carrera, ás 20 persoas que partiron da Praza do Concello foron sumándose máis ao longo dun agradable e proveitoso paseo que incluíu visitas ao Museo de Bergantiños e ao Balneario de Carballo.

Proxeccións audiovisuais,  a presentación dalgúns dos proxectos de mellora da mobilidade que ten en marcha o Concello de Carballo, unha campaña informativa sobre o Pedibús e a sinalización das rutas por parte dos propios nenos e nenas que participan nesta experiencia foron outras das iniciativas desenvolvidas. A todas elas súmanse as enquisas a peóns, ciclistas e condutores, os aforos de tráfico e os estudos a pé de campo que se levaron a cabo tamén durante estes días de cara á elaboración da estratexia e mellora e xestión do espazo público urbano.



Galería

Compartir: