Inicio Carballo ao día Novas 1.600 nenas e nenos de sete centros educativos do...

1.600 nenas e nenos de sete centros educativos do noso concello participarán este curso no Horto Viaxeiro

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal contará, como novidade, coa colaboración do centro de día da Praza de Vigo para fomentar o intercambio interxeracional

Xoves 5 de outubro do 2017

O 9 de outubro bota a andar o Horto Viaxeiro, unha versión itinerante do Horto Infantil Ecolóxico Municipal que permite achegar aos centros escolares esta actividade “de autonomía infantil pero tamén de achegamento ao medio natural e á nosa contorna”, como a definiu o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, no acto de presentación que tivo lugar hoxe pola mañá no Concello de Carballo.

Imaxe da primeira Pequefeira

Imaxe da primeira Pequefeira

Deste xeito, o horto segue a medrar e a avanzar cara un proxecto de futuro que se basea na educación en cuestións de economía, de cooperativismo e tamén “de volver a vista ao medio rural”, destacou. E como o Horto é un proxecto de promoción económica, este curso volverá a celebrarse a Pequefeira, na que nenos e nenas poderán comercializar o que ele e elas mesmas colleiten, avanzou Xosé Regueira.

Un dos monitores será Manuel Anxo Pardiñas, que explicou como se vai desenvolver a actividade. Este curso, ademais dos obradoiros de infantil e primaria que xa están a funcionar (aínda está aberta a inscrición), o Horto Viaxeiro contará coa participación dos colexios Xesús San Luís Romero, Artai, CRA Ponte da Pedra, Fogar, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e Escola Infantil As Landras. Os tres primeiros estiveron representados no acto de hoxe polos seus directores, que cualificaron a iniciativa como “unha experiencia básica de ensino” que permite volver a poñer aos nenos e nenas en contacto coa terra. Serán, en total, 1.600 nenos e nenas os que participarán nas sesións de traballo e tamén nas actividades paralelas. De feito, este curso, tal como avanzou Manuel Anxo Pardiñas, está programado un intercambio interxeracional grazas á colaboración do centro de día da Praza de Vigo, ao que se farán visitas periódicas para que os pequenos aprendan dos maiores.

Novidades e obradoiros "a domicilio"

Pero hai máis novidades. Aos colexios urbanos situados a máis de 1.500 metros das instalacións do Horto (rúa Nardos) ofrecéuselles a posibilidade de realizar os obradoiros “a domicilio”, e así se fará no Fogar e o San Luís Romero. Na Escola Infantil As Landras, como non hai terreo, os cativiños volverán a plantar en alpacas de palla, un sistema que ademais adáptase moi ben á estatura dos máis pequenos. E en Berdillo superouse o obstáculo da falta de terreo grazas a unha cesión da veciñanza.

A Pequefeira celebrarase o último venres de maio cos produtos colleitados polos participantes. No CEIP Fogar, ademais, como existe comedor de xestión propia, utilizaranse ao longo do curso para elaborar os menús escolares.

“Non podemos ignorar a realidade na que estamos, e é fundamental na formación humana que os nenos vexan como se cultiva, de onde saen os produtos”, apuntou o alcalde. Evencio Ferrero loou a iniciativa do concelleiro de Promoción Económica, que cualificou como unha “actividade formadora” no sentido máis amplo da palabra, desde a aprendizaxe ata a difusión da cultura do esforzo.

Compartir: