Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Benestar, o Servizo de...

A Concellaría de Benestar, o Servizo de Menores da Xunta e os centros de ensino traballan para coordinar as intervencións

Representantes das tres institucións celebraron hoxe unha xuntanza de traballo no Fórum

Venres 29 de setembro do 2017

A reunión celebrouse hoxe no auditorio do Fórum Carballo

A reunión celebrouse hoxe no auditorio do Fórum Carballo

Mellorar a coordinación e colaborar nas intervencións que se realizan con menores son os principais obxectivos da xuntanza a tres bandas que mantiveron hoxe a Concellaría de Igualdade e Benestar, o Servizo de Menores da Consellería de Política Social e os centros de ensino primario e secundario de Carballo.

No encontro, organizado desde o departamento que dirixe Maica Ures, participaron profesionais dos servizos de orientación de todos os colexios e institutos. Aínda que periodicamente xa se levan a cabo reunións individualizadas, desde a área municipal que xestiona os servizos sociais preténdese poñer aos centros tamén en contacto con outras administracións que teñen competencias en materia de intervencións con menores ou que poden achegar información no eido social de interese para o desenvolvemento do labor educativo.

Nesta ocasión puxéronse sobre a mesa cuestións relacionadas coa lentitude administrativa ou o exceso de burocracia que existe á hora de realizar unha intervención no ámbito familiar, normalmente relacionadas coa retirada de custodia, a patria potestade ou o internamento en centros. Todas elas son cuestións moi sensibles que requiren dunha actuación coordinada, que permita saber onde remata o traballo dunha parte e comeza o de outra, e dunha política de prevención en materia de abandono ou sobre a taxa de escolarización.

A área de Igualdade e Benestar presentou un borrador de protocolo de derivación para que desde os centros “fagan as achegas que consideren oportunas para melloralo e adaptado á unha realidade que é moi cambiante”, explicou Maica Ures.

Compartir: