Inicio Carballo ao día Novas 50 nenas e nenos iniciaron o curso nos obradoiros...

50 nenas e nenos iniciaron o curso nos obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal

Os grupos de infantil xa están cubertos, pero aínda poden presentarse solicitudes en agarda. En primaria hai prazas libres

Venres 29 de setembro do 2017

A día de hoxe son 50 os nenos e nenas que participan nos obradoiros do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Nos documentos que se acompañan podedes consultar as listaxes actualizadas. En educación infantil están cubertas todas as prazas, tanto as 15 dispoñibles para escolares de tres anos como as 25 previstas para os de catro e cinco. No entanto, o Horto Infantil Ecolóxico Municipal mantén abertas as inscricións en agarda, o que permitirá cubrir as posibles baixas que se produzan. No grupo de primaria, que ten obradoiro os luns e os xoves de 17.30 a 19.00 horas, aínda hai prazas libres, polo que as familias interesadas poden tramitar a inscrición ou solicitar máis información no propio Horto, situado na rúa Nardos.

Nestes primeiros días de actividade a experiencia xa está resultando moi produtiva para os grupos de infantil e primaria, que estiveron a seleccionar sementes, a preparar o terreo e que mesmo apañaron xa remolachas ou espinacas. Os nenos e nenas de 3 anos incorporaranse o 21 de febreiro, e para daquela, ademais dos monitores, terán como “mestres” aos compañeiros e compañeiras máis maiores.

O Horto Infantil Ecolóxico Municipal é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica para poñer aos nenos e nenas en contacto coa natureza e a terra, poñer a disposición das familias unha ferramenta de apoio ao labor educador e formativo dos centros de ensino e converterse nun laboratorio de novas ideas e técnicas que fomenten o espírito emprendedor dende a infancia.

Descargas

Compartir: