Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Educación...

O PRAZO DE SOLICITUDE ESTÁ ABERTO ATA O LUNS 2 DE OUTUBRO

A Concellaría de Educación incrementou as axudas ao estudo nun 123% nos últimos dez anos

A convocatoria deste curso inclúe 310 bolsas de 150 € para alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil e 6.000 € para o do CMUS

Venres 29 de setembro do 2017

Hai dez anos o Concello de Carballo modificou a convocatoria anual de axudas para o estudo debido, por unha parte, á implantación do denominado programa de gratuidade dos libros de texto e, por outra, á inclusión dos fondos da Fundación Celsa González Varela. Deste xeito, no ano 2007 convocáronse un total de 160 bolsas por importe de 21.175 euros e reserváronse 2.300 euros para transporte.

Dez anos despois, a Concellaría de Cultura destina a axudas ao estudo un total de 52.500 euros, o que supón un incremento do 123%. Tamén cambiaron os beneficiarios. Na convocatoria deste curso figuran 310 bolsas de 150 euros cada unha para alumnos/as de segundo ciclo de educación infantil, e ademais están consignados 6.000 euros para o alumnado carballés do Conservatorio Profesional de Música (CMUS), que poderá beneficiarse dun 50% de desconto na matrícula.

Este curso o departamento que dirixe Mar Eirís optou por manter as cifras do anterior debido a que non se concederon todas as bolsas previstas. A Concellaría de Educación pretende que todas as familias que cumpran os requisitos poidan acceder ás axudas, que tratan de paliar o elevado gasto de material escolar que deben afrontar as nais e os pais do alumnado de 3 a 5 anos.

O prazo de solicitude rematará o vindeiro luns, día 2. As familias que aínda non presentaran a documentación poden descargar o impreso e as bases ao final desta nova e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Carballo, ben presencialmente ou ben por vía telemática.

Descargas

Compartir: