Inicio Carballo ao día Novas Comezou a instalación dos “bolardos” que...

Comezou a instalación dos “bolardos” que regularán o acceso á rúa Desiderio Varela fóra do horario de apertura ao tráfico

A vía estará aberta á circulación rodada de luns a venres de 07.00 a 13.00

Martes 26 de setembro do 2017

A reapertura da rúa Desiderio Varela á circulación rodada está máis próxima. Hoxe mesmo comezou a instalación dos bolardos que regularán o acceso de vehículos fóra do horario establecido para a libre circulación do tráfico. Tal como anunciou o Concello de Carballo, a vía será de acceso libre de luns a venres desde as 07.00 ata as 13.00 horas no período comprendido entre o 15 de setembro e o 15 de xuño. Durante os tres meses de verán o horario redúcese de 07.00 a 11.00 horas. Os sábados, domingos e festivos a Desiderio Varela estará pechada aos coches.

As persoas residentes usuarias de prazas de garaxe terán o acceso garantido durante as 24 horas e todos os días do ano

Os únicos que terán o acceso garantido durante as 24 horas e todos os días do ano serán os residentes con prazas de garaxe, que disporán de cadanseu mando a distancia para baixar os fitos cando o precisen, como fan xa os usuarios de garaxes na rúa Colón. Tan pronto como todas as persoas afectadas dispoñan dos seus mandos procederase á apertura da rúa.

Mentres se realiza a instalación dos bolardos, os usuarios de prazas de garaxe no Edificio Eirís (números 8-10) poden acceder pola Gran Vía. Esta medida abrangue ata o día 30. Hoxe tamén empezou a montaxe para o Desfile do CCA na rúa Jacinto Amigo Lera, polo que os residentes no Edificio O Cedro tamén poderán acceder pola Gran Vía ata o 2 de outubro.

Compartir: