Inicio Carballo ao día Novas Aprobada por unanimidade a solicitude de...

Aprobada por unanimidade a solicitude de ampliación do polígono industrial de Bértoa á Xunta de Galicia

A corporación municipal tamén se manifestou a favor da desafectación das antigas vivendas dos mestres

Martes 26 de setembro do 2017

Imaxe do pleno de onte

Imaxe do pleno de onte

A corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado onte a solicitude de inicio de tramitación dos proxectos sectoriais de ampliación do polígono industrial de Bértoa. O obxectivo é anticiparse ás necesidades futuras de solo industrial, xa que un procedemento administrativo deste tipo pode prolongarse uns cinco anos e no polígono carballés hai unha demanda constante de solo por parte das empresas, como demostran as adxudicacións de parcelas que realiza Xestur en cada consello de administración e as licenzas para naves que se tramitan no propio Concello de Carballo. A ampliación abranguería os dous sectores incluídos na segunda fase do parque empresarial, de 230.454 e 59.089 metros cadrados útiles, dos que Xestur xa posúe unha parte de 59.089 metros cadrados.

As antigas vivendas dos mestres terán un uso social

As antigas vivendas dos mestres terán un uso social

Por unanimidade foi aprobada tamén a solicitude da desafectación das antigas casas dos mestres, na rúa Vázquez de Parga, un total de 24 vivendas distribuídos en catro bloques das que algunhas xa foron desafectadas e son utilizadas pola asociación antidroga Vieiro, a asemblea local da Cruz Vermella e o CRA Ponte da Pedra. O obxectivo do Concello de Carballo e arranxar o inmoble para crear un espazo solidario, fundamentalmente.

Festivos locais para o 2018

Así mesmo, foron aprobados os festivos locais para o ano 2018, que serán o martes de Entroido, 13 de febreiro, e o 25 de xuño.

Os festivos locais do ano 2018 serán o 13 de febreiro, Martes de Entroido, e o 25 de xuño

Tamén foi unánime o apoio á moción do PSOE relativa ao abastecemento de auga ás parroquias do litoral. A voceira socialista, Mari Carmen Vila, incluíu un rogo para que se teñan en conta tamén outras parroquias como Cances e Goiáns

O único asunto que non obtivo o apoio de toda a corporación foi a conta xeral do Concello correspondente ao exercicio 2016, na que se abstivo toda a corporación.

Rogos e preguntas

O PSOE presentou un rogo relativo á tramitación dun estudo xeolóxico sobre os noiros de Razo encargado polos propios socialistas. O alcalde, Evencio Ferrero, informou de que o mesmo día que se recibiu foi remitido á Demarcación de Costas.

O PP formulou preguntas sobre a reposición de puntos de luz, melloras no IES Alfredo Brañas e no complexo deportivo das Eiroas, a estrada de Arnados e o apoio de Evencio Ferrero aos alcaldes cataláns. En canto aos rogos, referíronse á expedición dunha tarxeta para os residentes das rúas peonís, a mellora das rúas Salgueiro e Lirios, o cambio do aparcamento da rúa Caión ou as actas dos consellos parroquiais.

Pola súa banda, Terra Galega pediu nos rogos a instalación de xogos adaptados e a convocatoria dos consellos sectoriais e de barrio. As preguntas versaron sobre a convocatoria do Consello Municipal de Deportes, o cambio de tubaxes e o aparcamento para camións no polígono de Bértoa, as obras do canon da auga, o arranxo dos vestiarios do CEIP Bergantiños, a plantación de árbores en Sofán, o gabinete de comunicación ou as normas de uso da parada de taxis principal.

Compartir: