Inicio Carballo ao día Novas Carballo inicia a súa propia Semana da...

Carballo inicia a súa propia Semana da Mobilidade co reparto de material informativo sobre o Pedibús

A Biblioteca Rego da Balsa acollerá este venres ás 18 horas un acto aberto a toda a cidadanía para poñer en común proxectos relacionados co uso do espazo urbano

Mércores 20 de setembro do 2017

Este ano repetiremos a ruta polo casco urbano de Carballo guiada por Xan Fernández

Este ano repetiremos a ruta polo casco urbano de Carballo guiada por Xan Fernández

Desde 1999, cidades de todo o continente celebran do 16 ao 22 de setembro a Semana Europea da Mobilidade. O Concello de Carballo sumouse o ano pasado por vez primeira cun programa de actividades encamiñadas a promover diferentes usos do espazo urbano e tamén unha reflexión sobre a vila que queremos. Daquela primeira iniciativa foi posible extraer, grazas á participación de diferentes colectivos, unha serie de conclusións que guían a acción do goberno local. Nese sentido, a elaboración dunha estratexia de mellora e xestión do espazo público ou a creación de rutas accesibles aos colexios son algunhas das iniciativas nas que se está a traballar. Este ano, a Semana Europea da Mobilidade en Carballo estenderase máis aló deses sete días para ampliar e facilitar a participación no programa de actividades e para dar cabida tamén a iniciativas promovidas polo movemento asociativo.

Hoxe comezou a Semana Europea da Mobilidade co reparto dun tríptico informativo sobre o Pedibús nos catro colexios de primaria do casco urbano

Hoxe comezou a Semana Europea da Mobilidade cunha campaña informativa sobre o Pedibús. En primeiro lugar trasladámola ás aulas e aos fogares, xa que, grazas á colaboración dos equipos directivos, todo o alumnado dos CEIP Fogar, Bergantiños, A Cristina e Xesús San Luís Romero levará para a casa un tríptico sobre o Pedibús. O obxectivo é reforzar este saudable sistema de desprazamento nos dous centros nos que xa existe e intentar estendelo aos outros dous. Os máis de trinta nenos e nenas que participan nos camiños escolares terán un papel especial nos actos programados, xa que o venres 29 pola tarde participarán na sinalización das rutas e serán recompensad@s cunha merenda.

Presentación aberta á cidadanía

Pero o acto que marcará o inicio da Semana da Mobilidade en Carballo está previsto para este venres 22, ás 18 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Será un encontro aberto a toda a cidadanía no que se darán a coñecer varios proxectos, e que contará coa participación de Milagros Lantes, concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana; Alfredo Garrote, arquitecto municipal; Francisco Javier Vázquez Brage e Alejandro Peña López, de L2 Ingeniería, autores do proxecto da cuberta para o Parque do Anllóns, e Mónica Rico, da UTE IPlan Movilidad-Tema Ingeniería, que está a elaborar a estratexia de xestión do espazo público. Precisamente esta semana están a realizarse unha serie de enquisas telefónicas para coñecer os hábitos de mobilidade da poboación, e os días 27 e 28 levaranse a cabo aforos de tráfico e enquisas a automobilistas, peóns e ciclistas, para as cales aproveitamos para pedir a colaboración da cidadanía. Toda a información previa darase a coñecer no acto público do venres.

Tamén se presentará a programación de actividades que se levará a cabo ata o 8 de outubro coa colaboración de distintas entidades. Ao longo das dúas semanas haberá proxeccións audiovisuais na Biblioteca Rego da Balsa, o sábado 30 celebrarase a Pequerruta en bici organizada polo club ciclista Media Ducia, e o domingo 1 de outubro coincidirán a iniciativa “Camiñamos” da Asociación contra o Cancro, e a I Andaina da Marcha Costa da Morte que promove o Club Ciclista Monteneme-Calvo. Á semana seguinte, o sábado 7 realizarase unha ruta urbana en bici coordinada polos tres clubs ciclistas locais: Monteneme, Media Ducia e Club Ciclista Carballo, e o domingo 8 repetiremos a ruta urbana a pé polo núcleo urbano de Carballo guiada por Xan Fernández Carrera. Todos os detalles, no acto do venres 22. Agardámosvos!

Compartir: