Inicio Carballo ao día Novas O Conservatorio Profesional de Música...

O Conservatorio Profesional de Música celebrará o martes 19 o acto de presentación do curso 2017-18

A elección de horarios realizarase entre os días 20 e 22, e o luns 25 comezarán as clases

Sábado 16 de setembro do 2017 Educación Conservatorio

O alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo debe anotar varias datas na axenda de setembro. A primeira é a do martes 19, xa que para ese día está programada a presentación do curso. O acto oficial celebrarase ás 20 horas no auditorio do Pazo da Cultura, coa asistencia do alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o equipo directivo do CMUS.

O día 19 daranse a coñecer os horarios de todas as materias grupais, pero os horarios de cada una das especialidades escolleranse con cada profesor entre os días 20 e 22, segundo o calendario adxunto.                

A asistencia ás presentacións é imprescindible para elixir horario. No caso contrario asignaranse de oficio.

A prioridade na escolla de horarios para as clases individuais, segundo o acordo adoptado polo Consello Escolar, corresponderá en primeiro lugar ás familias con dous ou máis irmáns matriculados no centro, sempre que o menor non teña 14 anos ou máis e sempre partindo dos cursos inferiores en orde ascendente. O resto do alumnado elixirá partindo dos cursos máis baixos e en orde ascendente, comezando a escolla en cada curso por aquel alumno cuxo primeiro apelido empece pola letra K (letra administrativa do 2017) e continuando por orde alfabética.

As clases no CMUS de Carballo empezarán o luns 25.

Compartir: