Inicio Carballo ao día Novas O Consello Parroquial de Ardaña celebrou a...

O Consello Parroquial de Ardaña celebrou a súa última xuntanza na escola de Gontade

A obra do novo centro social está moi avanzada, e a veciñanza xa propuxo algunhas actuacións para empezar a darlle vida o antes posible

Venres 8 de setembro do 2017 Participación veciñal

A escola de Gontade acolleu onte a última xuntanza do Consello Parroquial de Ardaña. Será a última, agás que sexa preciso convocar unha extraordinaria e urxente, porque as obras do centro social están moi avanzadas e a sede do Consello Parroquial trasladarase para ese novo edificio. “E que pasará coa escola?”, preguntou unha veciña. “Haberá que buscarlle algún uso, porque un inmoble deteriórase máis se está un ano pechado que con dez anos de uso. Unha das opcións é destinalo á sede do colexio rural agrupado”, explicou o alcalde.

Evencio Ferrero e Luis Lamas, nunha visita ás obras do centro social o 31 de agosto

Evencio Ferrero e Luis Lamas, nunha visita ás obras do centro social o 31 de agosto

O movemento asociativo e a veciñanza de Ardaña, á vista da boa marcha das obras do centro social, xa están pensando en darlle vida. No Consello Parroquial barallouse, de feito, a posibilidade de que o magosto xa poida celebrarse nel, aínda que non estea completamente operativo. Tamén solicitaron a instalación dunha caixa de correo para que as persoas que o desexen poidan deixar as súas suxestións para o Consello Parroquial. E ademais amosaron moito interese na pavimentación de toda a parcela para poder ampliar o campo da festa, xa que no proxecto está prevista aproximadamente a metade, e na posibilidade de soterrar o cable de Telefónica que atravesa o campo.

Ademais de Evencio Ferrero, no encontro coa veciñanza participaron Marcos Trigo (BNG), Aurelio Núñez (PP), Estefanía Canosa (TeGa) e Mari Carmen Vila (PSOE). Unha pequena pavimentación con cemento xunto ao cemiterio, un tramo de rede de sumidoiros, a limpeza de cunetas nas pistas de zahorra e a reposición dun sinal de delimitación da parroquia na estrada autonómica completaron as peticións. O alcalde informou de que este mes está previsto iniciar a contratación das obras de mellora das pistas asfaltadas, que inclúen limpeza de cunetas, e fixo un chamamento á participación no proxecto Carballo na Memoria, para o cal celebrarase unha reunión específica.

Compartir: