Inicio Carballo ao día Novas O sábado 9 remata o servizo de salvamento...

O sábado 9 remata o servizo de salvamento e socorrismo nas praias carballesas

A gran afluencia de bañistas foi a principal característica do verán que está chegando a súa fin

Xoves 7 de setembro do 2017

A temporada de praias en Carballo concluirá oficialmente o día 9. Aínda que o domingo haberá un retén de Protección Civil, o equipo de salvamento, integrado por 35 persoas entre socorristas e técnicos sanitarios, remata a súa actividade o sábado. A partir do luns, o litoral carballés queda pechado ao baño, polo que desde o servizo municipal prégase a máxima precaución ás persoas que o visiten. No caso de que se produza algunha emerxencia recoméndase chamar ao 112. O falecemento, esta mesma semana, dun veciño de Imende na praia de Arnela foi o suceso máis importante do verán. Aínda que todo apunta a que a morte foi consecuencia dun infarto, desde o Servizo Municipal de Protección Civil insístese na necesidade de evitar riscos innecesarios.

Polo demais chega á súa fin un verán marcado pola gran afluencia de bañistas aos areais, como destaca o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil, Javier Souto. “As praias –sinala- convertéronse no principal centro de ocio estival”.

A nivel organizativo este ano houbo varias novidades, como a división do litoral en seis zonas ou a instalación de grandes bandeirolas para delimitar as áreas de baño e facilitar así a súa localización. 

Desde o punto de vista medioambiental, no verán do 2017 ondearon os distintivos da bandeira azul nas praias de As Saíñas e Pedra do Sal e do sendeiro azul na Senda do Mar Razo-Baldaio, xunto coas certificacións ambientais europeas ISO 14.001:2004 e Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS). Ademais, e para evitar danos á píllara das dunas, no ámbito de aniñamento desta especie realizouse a limpeza de xeito manual. En toda a costa reforzouse, así mesmo, o servizo de recollida de lixo coa instalación de máis colectores e a ampliación dos días de retirada dos residuos.

Compartir: