Inicio Carballo ao día Novas O servizo municipal de control de pragas eliminou...

O Concello de Carballo é o único de Galicia que ten contratado un servizo específico, financiado con fondos propios

O servizo municipal de control de pragas eliminou no mes de agosto 118 niños de vespa velutina

En todo o ano 2016 foron retirados 249 niños, pero no que vai do 2017 xa se eliminaron 291

Luns 4 de setembro do 2017

Malia os trampeos realizados na primavera, que permitiron capturar 14.155 vespas, e a colaboración entre Administración e apicultores, a invasión da velutina é un feito. Basta botar unha ollada a este mapa de Galicia para facerse unha idea da magnitude do problema. Segundo os datos recompilados pola Xunta ata o 28 de agosto, Carballo volve a figurar entre os concellos onde se superan os 100 niños detectados. De feito, a estas alturas do ano xa son 291, e un 40,5% foron localizados e eliminados no mes de agosto.

Carballo é o único concello de Galicia que ten contratado un servizo específico para o control e a retirada dos niños de velutina, e o prazo de resposta non excede das 24 horas. Agosto foi un mes de moito traballo para o persoal que se encarga do servizo, xa que retiraron un total de 118 niños, todos eles secundarios, localizados nas distintas parroquias. Entre xullo e agosto disparouse a aparición de colmeas, tal como prevían os apicultores locais, que están a traballar estreitamente coa empresa concesionaria.

A estas alturas xa se superan con creces os 249 niños retirados en todo o ano 2016. E non só se trata de que haxa máis, senón de que cada vez aparecen antes. O ano pasado o primeiro niño primario foi localizado o 25 de maio, pero este ano xa se recibiu o primeiro aviso o 3 de abril, co cal a temporada anticipouse máis dun mes. Por parroquias, as máis afectadas están sendo as costeiras, xunto con Sofán e Rus, pero onde máis incidencia ten a praga é na parroquia de Carballo.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, dende onde se poñerán en contacto co servizo municipal de control de pragas.

Compartir: