Inicio Carballo ao día Novas A dobre captación nos ríos...

A dobre captación nos ríos Anllóns e Bardoso permite garantir o abastecemento de auga nun momento de seca en toda Galicia

O goberno municipal insiste no seu chamamento á poboación para que faga un consumo responsable

Sábado 2 de setembro do 2017

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na zona do Bosque

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na zona do Bosque

A seca está a provocar serios problemas de subministro en toda Galicia, que, de feito, a finais de mes podería entrar en situación de alerta se non cambian as cousas. En Carballo, polo momento, non existen problemas de abastecemento. De feito, grazas á dobre captación nos ríos Anllóns e Bardoso está garantido o servizo. No entanto, o goberno municipal insiste no seu chamamento á poboación para que faga un consumo responsable, porque, aínda que a traída municipal non está afectada, si que está habendo problemas con algunhas traídas veciñais. Neste sentido, desde o Concello de Carballo pídese aos veciños e veciñas que comuniquen as dificultades de abastecemento que poidan producirse e que soliciten, se é preciso, os servizos de Protección Civil para encher os depósitos.

No río Bardoso, a poucos metros da ETAP

No río Bardoso, a poucos metros da ETAP

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, están en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga, e practicamente a diario están pendentes dos niveis dos ríos.

Nestes momentos Carballo abastécese tanto do Anllóns como do Bardoso, grazas á dobre captación. Dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes. Deste xeito é posible saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento.

O Concello de Carballo está a realizar, paralelamente, a súa propia campaña de diminución do consumo de auga. Por unha banda, aplicando medidas de aforro como o peche das fontes que utilizan auga da traída ou reducindo os baldeos ao mínimo. Por outra, con iniciativas de concienciación como a que se está levando a cabo nas praias para evitar o uso innecesario das duchas, por exemplo.

Compartir: