Inicio Carballo ao día Novas O Concello investirá máis de 50.000...

O Concello investirá máis de 50.000 euros no acondicionamento da contorna do centro social de Entrecruces

O alcalde informou ao Consello Parroquial sobre as obras en marcha, que suporán un investimento de máis de 500.000 euros

Sábado 2 de setembro do 2017 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Entrecruces reuniuse o venres pola noite

O Consello Parroquial de Entrecruces reuniuse o venres pola noite

Coas obras de mellora das pistas secundarias xa en execución, a reforma do centro social só pendente da sinatura do contrato coa empresa adxudicataria e a ampliación da rede de saneamento a piques de saír a licitación, o Concello de Carballo xa traballa noutros proxectos para a parroquia de Entrecruces a proposta do Consello Parroquial. O alcalde, Evencio Ferrero, presentou na xuntanza do venres unha memoria valorada para o arranxo da contorna do local, que incluirá a zona do río. O investimento achégase aos 52.000 euros, que se sumarán aos máis de 450.000 incluídos xa nos orzamentos deste ano para a parroquia.

Evencio Ferrero insistiu na necesidade de priorizar, e emprazou aos veciños e veciñas a establecer unha orde de actuación. As persoas asistentes á xuntanza do Consello Parroquial interesáronse, sobre todo, pola ampliación do alumeado público e do servizo de recollida de lixo. Lembraron tamén peticións xa formuladas na reunión anterior, como o deslinde cos concellos de Tordoia e Coristanco, a ampliación de varias estradas, a mellora ou construción de parques infantís e biosaudables, a elaboración dun plan integral de vías forestais ou a extensión do saneamento a toda a parroquia.

Concello e veciñanza queren poñer en valor as beiras do río

Concello e veciñanza queren poñer en valor as beiras do río

Para este ano está prevista a ampliación da rede aos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños grazas a un proxecto de 254.009,10 euros que se acometerá con cargo ao canon da auga, tal como figura nos orzamentos municipais. O goberno pretende iniciar en breve o proceso de contratación do proxecto, que inclúe, á parte da rede de saneamento, a instalación de tubaxes para o futuro abastecemento municipal de auga e a pavimentación de todo o viario afectado polas obras.

Compartir: