Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato das obras de ampliación...

Asinado o contrato das obras de ampliación dos aparcamentos e de mellora das zonas verdes do polígono de Bértoa

O proxecto, financiado mediante un convenio entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, inclúe tamén a instalación dunha barreira de control de acceso nocturno

Martes 22 de agosto do 2017

A alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, asinou hoxe o contrato do proxecto de ampliación dos aparcamentos e de mellora das zonas verdes do polígono industrial de Bértoa, que serán executadas pola empresa Lancer cun orzamento de 112.825,49 euros. O Concello de Carballo e a Deputación da Coruña teñen asinado un convenio de colaboración para o financiamento das obras, que teñen un prazo de execución de tres meses. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, quen destacou que con esta actuación atenderase a necesidade de ampliar as prazas de aparcamento e de poñer en valor os espazos verdes e recreativos existentes no parque empresarial.

A Asociación de Empresarios do Polígono tamén acondicionou varios espazos de aparcamento

A Asociación de Empresarios do Polígono tamén acondicionou varios espazos de aparcamento

O proxecto inclúe, por unha banda, a creación de 78 novas prazas de aparcamento (4 para vehículos pesados e 74 para turismos, incluídas 3 para persoas con discapacidade) na rúa do Bronce. Con esa finalidade procederase ao asfaltado e a delimitación da franxa incluída entre a liña final do carril e a zona axardinada, cun ancho medio de 7,20 metros na zona de turismos e de 6,20 na de vehículos pesados. Deste xeito facilitarase o estacionamento tanto a traballadores/as como a clientes/as das naves.

Área recreativa e control de acceso

O parque empresarial de Bértoa dispón dunha área recreativa que precisa melloras. Neste sentido, a misión da empresa construtora será a mellora do acceso á zona de xogos con adoquín. Tamén se poñerá en servizo unha fonte e o espazo ocupado pola pista de chave, que non se usa, será ocupado por unha grella dobre e cinco mesas con bancos de pedra natural, dando así resposta á demanda que ten a grella xa existente. Todo ese ámbito será delimitado cunha varanda de madeira.

Ademais, faranse as reparacións precisas na pista americana e no sendeiro, ao que se lle dará continuidade para crear un circuíto pechado que facilite o seu uso. A actuación na área axardinada completarase coa plantación de distintas especies vexetais.

O contrato asinado hoxe inclúe, finalmente, a instalación dunha barreira de control de acceso de vehículos na rúa Cobre para facilitar a vixilancia e mellorar a seguridade nocturna.

Compartir: