Inicio Carballo ao día Novas A Canceira Municipal acada as 181...

A Canceira Municipal acada as 181 adopcións en menos de cinco anos

Se tes interese en coñecer os animais de compañía que agardan un fogar nas instalacións do polígono de Bértoa sigue lendo

Luns 21 de agosto do 2017

Cora, Roni, Xana, Loto, Bairon, Tobi e Lila son algúns dos cans e cadelas que agardan por un fogar na Canceira Municipal de Carballo. Se queredes coñecelos non tedes máis que entrar aquí: http://carballolimpo.com/contido/canceira/adopcion.php?idioma=gl, unha ligazón permanentemente actualizada onde teredes acceso aos datos e as fotos dos animais en adopción. Ao longo dos case cinco anos de xestión do servizo municipal por parte da empresa Servigal houbo 181 familias que atoparon nas nosas instalacións a mascota que andaban a buscar.

Os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía, custan só 50 euros

As cifras son esperanzadoras, sobre todo nesta época do ano, na que soen aumentar os abandonos. No ano 2014, por exemplo, entre xullo e agosto foron rescatados das rúas un total de 44 cans. En xullo deste ano foron 8, o que, de manterse a tendencia en agosto, implicaría ademais un descenso deste tipo de prácticas, que, por outra banda, son sancionables tanto penal como administrativamente.

Darlles unha segunda oportunidade a eses animais é doado e barato. Tal como establece a normativa municipal, os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac), custan só 50 euros.

Se estás interesado/a en adoptar ou en coñecer aos cans e cadelas que temos na Canceira Municipal podes pasar os luns e os xoves, de 10 a 13 e de 16 a 19 horas, polas instalacións do polígono industrial de Bértoa, onde comparte instalacións co Punto Limpo. Pero se queres telo moito máis doado, entra nesta web: http://carballolimpo.com/canceira



Galería

Compartir: