Inicio Carballo ao día Novas O Concello avaliará diferentes...

O Concello avaliará diferentes opcións para a posta en marcha da formación en cociña

O Tribunal de Recursos estimou a reclamación presentada por unha empresa contra o prego do contrato de servizos e ordena volver a iniciar o proceso

Venres 4 de agosto do 2017

O goberno municipal de Carballo comezará a avaliar diferentes opcións para a posta en marcha da formación en cociña, unha vez que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais estimou o recurso interposto por unha empresa contra os pregos utilizados no procedemento de contratación dos servizos de formación e ordenou a “retroacción do procedemento ao momento anterior á aprobación dos citados pregos”, é dicir, volver a iniciar o proceso.

Dado que a resolución do tribunal (da que se fixo entrega hoxe de copia a todos os grupos da corporación) se refire ao segundo procedemento de contratación promovido polo Concello de Carballo coa mesma finalidade, e que o primeiro tamén está pendente dun pronunciamento do mesmo tribunal (neste caso por un recurso contra a inadmisión da xustificación da baixa temeraria da oferta económica na que incorreu un dos licitadores), o goberno municipal avaliará tamén outras opcións.

A intención do Concello de Carballo é dar un salto cualitativo na formación en hostalaría, asumindo, nunha iniciativa pioneira en Galicia, o reto de preparar ás primeiras promocións de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais e financiado con fondos propios. Con esa finalidade aprobouse un investimento de 308.550 euros en tres anos, coa intención de preparar a tres promocións de traballadores da cociña altamente cualificados cun proxecto baseado na excelencia.

A intención do Concello de Carballo é dar un salto cualitativo na formación en hostalaría, asumindo, nunha iniciativa pioneira en Galicia, o reto de preparar ás primeiras promocións de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico

Na procura desa excelencia, á hora de valorar as ofertas dos licitadores estableceuse, entre outros criterios, que se valorarían, entre outros aspectos, os proxectos promovidos por licitadores con premios a nivel galego ou estatal ou con recoñecementos como a Estrela Michelín ou o Sol Repsol. Pero o tribunal entende que estes premios e recoñecementos "están directamente relacionados coas características e circunstancias das empresas, e non están vinculados ao obxecto do contrato, polo que non poden ser tomados en consideración para valorar as súas ofertas técnicas, razón pola que procede a estimación do presente recurso”, segundo expón. En definitiva, o tribunal sinala que tales recoñecementos poderían ser admitidos como criterios de adxudicación se fosen “referido ao concreto equipo ou persoal ofertado para impartir os servizos de formación de cociña, que fora premiado ou distinguido, ben directamente a título persoal, ben indirectamente como integrante do persoal de cociña do restaurante premiado, o subcriterio de adxudicación citado sería admisible en canto que cualificaría ao elemento persoal da oferta presentada”.

Pendente outro recurso da 1ª convocatoria

Curiosamente, o recurso contra os pregos presentouse na segunda convocatoria do concurso público, e non na primeira, que foi declarada deserta pola mesa de contratación do Concello de Carballo porque o único licitador que cumpriu todos os requisitos incorreu en baixa temeraria e o equipo técnico encargado da valoración das ofertas entendeu que a xustificación que ofrecía era insuficiente. A empresa en cuestión presentou un recurso contra a inadmisión desa baixa temeraria que aínda está pendente de resolución.

En calquera caso, o goberno municipal agardará ao remate deste outro proceso antes de tomar unha decisión sobre o futuro da formación en cociña, se ben sigue convencido da necesidade de converter as instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal. Á marxe da formación en cociña, o vindeiro mes comezará un curso de servizos de bar e cafetería para persoas desempregadas e continúan as actividades formativas, tanto propias do Concello de Carballo como promovidas por outras entidades, dirixidas tanto a parados/as como a empresarios/as do sector da hostalaría.

Compartir: