Inicio Carballo ao día Novas Previstos para este ano investimentos por...

Previstos para este ano investimentos por máis de 400.000 euros na parroquia de Entrecruces

A mellora integral da rede viaria municipal e a reforma do local social están nos últimos trámites do proceso de contratación, e os proxectos de saneamento sairán en breve a licitación

Xoves 3 de agosto do 2017

Tres das principais demandas da veciñanza da parroquia de Entrecruces serán atendidas este mesmo ano cun investimento de máis de 400.000 euros por parte do Concello de Carballo. A partida máis importante corresponde á ampliación da rede de saneamento, que chegará aos lugares de A Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños grazas a un proxecto de 254.009,10 euros que se acometerá con cargo ao canon da auga, tal como figura nos orzamentos municipais. O goberno pretende iniciar en breve o proceso de contratación do proxecto, que inclúe, á parte da rede de saneamento, a instalación de tubaxes para o futuro abastecemento municipal de auga e a pavimentación de todo o viario afectado polas obras.

As que xa están adxudicadas, só pendentes da sinatura do contrato para o seu inicio, son as obras de mellora integral da rede viaria secundaria. O Concello de Carballo actuará nun total de 28.955 metros lineais de pistas (a relación completa pode consultarse no documento anexo), dentro dun proxecto compartido coa parroquia de Aldemunde. Nesta última, que ten moita menos superficie, as obras afectarán a 5.601 metros de vías. Deste xeito, a maior parte dos 103.000 euros polos que foron adxudicadas as obras á empresa Construcciones López Cao investiranse en Entrecruces. Os traballos comezarán este mesmo verán.

Centro social

O Consello Parroquial de Entrecruces volverá a reunirse, como se acordou na última xuntanza, o 1 de setembro ás 20.30 horas

Tamén se procederá en breve á adxudicación das obras de mellora de seis centros sociais, entre os cales figura o de Entrecruces cun orzamento de máis de 80.000 euros. Trátase dunha actuación importante, xa que afectará ao exterior da parcela, as fachadas, a cuberta e as dúas plantas do edificio.

No exterior as actuacións consistirán na impermeabilización, a construción de beirarrúas e a demolición da caseta na que se sitúa o motor dun pozo de captación de auga para substituíla por unha arqueta. Nas fachadas procederase tamén ao illamento e á substitución de toda a carpintería exterior por ventás abatibles de aluminio con rotura de ponte térmica, dobre acristalamento e persiana incorporada; ademais da demolición de elementos decorativos, colocación de guarnición, verteaugas e soleira de granito nas portas.

A planta baixa será reformada por completo. Demoleranse as divisións dos aseos para construír un novo adaptado, ademais cambiarase a carpintería interior, renovarase o solo con baldosa tipo gres, instalarase falso teito acústico, modernizaranse as instalacións de fontanería, contra incendios e eléctrica; colocaranse radiadores, mobiliario e equipamento, e pintarase todo o interior. Na planta alta tamén se renovarán as instalacións, pintarase e colocarase calefacción.   Polo que respecta á cuberta, retiraranse as pranchas actuais de fibrocemento para substituílas por tella, co debido illamento, canalóns e baixantes de pluviais novos.

Con estas actuacións quedarán atendidas boa parte das peticións do consello parroquial, que volverá a reunirse, como se acordou na última xuntanza, o vindeiro 1 de setembro ás 20.30 horas.

Descargas

Compartir: