Inicio Carballo ao día Novas O Concello e Protección Civil promoven en...

O Concello e Protección Civil promoven en colaboración con ADOS unha campaña de doazón de sangue baixo o lema “Ti das o tipo”

Carballo cumpre coa taxa de doazón recomendada pola OMS, con 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, á cabeza das estadísticas con cinco puntos por riba da media galega

Venres 28 de xullo do 2017

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove a vindeira semana, en colaboración co Concello e Protección Civil de Carballo, a campaña “Ti das o tipo”, que ten o obxectivo de garantir a labor dos hospitais galegos, precisados de 10.000 doazóns mensuais. A iniciativa presentouse esta mañá na casa do concello nunha rolda de prensa que contou coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; a directora de ADOS, Marisa López; e o coordinador do Servicio Municipal de Protección Civil, Javier Souto.

As persoas maiores de 18 anos que desexen participar poden acudir á unidade móbil que estará situada na Praza do Concello de Carballo o xoves 3 e venres 4 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 21.00; e o sábado 5 de agosto, de 10.00 a 15.00. Ademais, Protección Civil distribuirá folletos informativos a pé da unidade móbil de ADOS e emitirán avisos pola megafonía das praias do municipio para incentivar a participación.

Desenvolverase os próximos días 3, 4 e 5 de agosto na Praza do Concello

Marisa López salientou a xenerosidade dos veciños de Carballo, quen en 2016 fixeron 1.423 doazóns de sangue, cifra que representa un índice de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco puntos por riba da media galega, e que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

“Esta campaña especial”, explicou Javier Souto, “céntrase, pola nosa parte, en colaborar a título informativo desde os postos sanitarios que temos nas praias, ademais de repartir folletos e mesmo con cuñas publicitarias na megafonía das nosas praias: Razo, Baldaio, Saíñas e Pedra do Sal, onde temos cinco postos sanitarios”. “Nestes postos só facemos atención de primeiros auxilios, pero esta doazón é para que os centros hospitalarios a onde remitimos nós os accidentados poidan ter un banco de sangue que lle poida facilitar a súa labor”.

A directora do ADOS agradeceu o esforzo do Concello e de Protección Civil para a promoción da campaña, así como o apoio de Conservas Calvo e do IES carballés Monte Neme. “Das case 3.000 doazóns que obtivemos o ano pasado na comarca de Bergantiños, case 1.500 son do Concello de Carballo, onde se rexistraron, ademais, 82 novos doadores, que é unha boa cifra que reflicte a boa saúde da doazón no concello de Carballo”, destacou.

Solidariedade día a día

“A solidariedade sempre hai que interpretala no día a día”, dixo Evencio Ferrero. “Non abonda esa colaboración só diante de accidentes de tanto impacto social como foi o de Angrois, no que toda a poboación galega demostrou esa capacidade solidaria: tamén é importante que os bancos de sangue teñan as reservas suficientes como para atender a todas as necesidades, que son moitas, e máis aínda na época do verán”. “Que menos que nós nos prestemos para colaborar nesta campaña de doazón e facer chamadas para seguir sendo aínda máis solidarios”.

Abundou nese punto de vista Marisa López: “Como apuntaba o alcalde sobre ese accidente de Angrois, quen salvou moitas vidas aqueles días non foi a xente que doou esas noites, foi a xente que doou os trinta ou corenta días antes”.

Compartir: