Inicio Carballo ao día Novas Os comerciantes rexeitan a segunda proposta do...

Os comerciantes rexeitan a segunda proposta do goberno municipal sobre o tráfico da Desiderio Varela

Insisten en que a carga e a descarga se realice ata as 14 horas. O Concello ofreceu un horario de verán, ata as once, e outro de inverno, ata as 13

Martes 18 de xullo do 2017

O goberno local e os comerciantes da contorna da Praza do Concello seguen sen acercar posturas sobre a apertura das rúas de esa zona ao tráfico rodado en horario de actividade económica. Os tres representantes do sector de emprendedores que mantiveron onte unha reunión coa delegación do Concello (formada polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes; o concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera) rexeitaron a proposta municipal. O goberno defende que as rúas sexan peonís, pero é consciente da necesidade de facilitar a actividade comercial durante determinadas horas. Por iso trasladoulle aos comerciantes unha nova proposición: que a rúa Colón estea aberta os xoves e domingos de feira, mentres que para a Rúa Desiderio Varela estableceríase un horario de verán, de 15 de xuño a 15 de setembro, no que a carga e descarga se regularía de 7 a 11, de luns a venres; e un horario de inverno no que a carga e descarga estaría permitida de 7 a 13, sempre entre semana; os sábados, domingos e festivos a rúa permanecería pechada. Os residentes terían libre acceso durante todo o día. A proposta foi rexeitada polos representantes dos comerciantes, que acepta o peche polas tardes, pero piden que o horario de apertura sexa de 7 a 14.

Os sábados, domingos e festivos a rúa permanecería pechada. Os residentes terían libre acceso durante todo o día

É a segunda proposición do Goberno municipal que rexeitan os comerciantes, logo de que hai unha semana tampouco aceptasen a anterior proposta do Concello: abrir de 7 a 11 horas (ata as 14 horas os xoves e domingos de feira) para facilitar a carga e descarga, ademais de garantir o acceso a residentes mediante un sistema semellante ao que funciona na rúa Colón.

O alcalde lamentou a postura dos comerciantes. “Intentamos en todo momento aproximar posturas e acudimos hoxe á reunión cunha segunda proposta, pero os comerciantes mantivéronse na súa”. Así as cousas, as posibilidades de cambio son remotas. “A decisión do goberno non é caprichosa” asegura o alcalde. “Queremos unha vila no que a seguridade peonil está por riba do tráfico, e apostamos por espazos urbanos cada vez máis seguros e accesibles para toda a poboación”. Carballo é un dos concellos do seu tamaño que ten menos metros de rúas peonís, e a intención do Concello é seguir estendendo o modelo das rúas Hórreo e Coruña.

Compartir: