Inicio Carballo ao día Novas O mellor ciclismo de escolas de España...

O mellor ciclismo de escolas de España disputa este sábado no noso concello o Campionato Galego en estrada

O Club Ciclista Carballo participará con oito representantes, unha fémina, catro cadetes e tres júnior

Xoves 13 de xullo do 2017 Deporte

De esquerda a dereita, Juan Seoane, Diego Vázquez, Marcos Trigo, Vanessa Loureiro e Guiilermo Sande

De esquerda a dereita, Juan Seoane, Diego Vázquez, Marcos Trigo, Vanessa Loureiro e Guiilermo Sande

O mellor ciclismo de escolas de España cítase este sábado en Carballo para disputar o Campionato Galego en estrada para as categorías cadete júnior e féminas. A proba está organizada polo Club Ciclista Carballo e a Federación Galega de Ciclismo, quen contan coa colaboración de Carballo a un paso, Concello de Carballo, Carballo Deporte e Policía Local e Protección Civil de Carballo, e co principal patrocinio de Construcciones Ramón Vázquez y Reino.

Case 130 corredores e 15 clubs participarán na carreira; entre eles, o anfitrión, representado por unha corredora, 4 cadetes e 3 júnior.

Con saída e meta na Gran Vía, o circuíto, entre Carballo é Agualada, non presenta excesiva dureza é ten a maior dificultade no alto de Agualada, un subida de tres quilómetros e medio onde probablemente se faga a selección do pelotón.

A proba comezará ás 15.15 coa carreira de mulleres, que deberán completar un percorrido de 32,9 quilómetros (máis 1,2 neutralizados). Seguirán os cadetes, ás 16.30, e competirán nun trazado de 52,9 quilómetros (+ 1,2); e os xuvenís, ás 18.20, para percorrer 89,6 quilómetros (+1,2).

Presentación

O campionato presentouse onte na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanessa Loureiro; o director técnico dese club, Juan Seoane; o técnico da Federación Galega de Ciclismo Guillermo Sande e o empresario Diego Vázquez, en representación de Construcciones Ramón Vázquez y Reino.

A presentación da proba tivo lugar na Casa do Concello

A presentación da proba tivo lugar na Casa do Concello

Vanessa Loureiro agradeceu o apoio do Concello e as demais institucións e dos patrocinadores das escolas, “que fan que poidamos organizar estas e outras probas, levar o ciclismo por toda Galicia e conseguir que o ciclismo carballés sexa un referente para o ciclismo galego”.

Juan Seoane, pola súa banda, explicou o funcionamento dunha carreira que, “malia a súa sinxeleza, creo que debe ter algo máis de dureza que a proba [o Trofeo Concello de Carballo] que organizamos habitualmente en abril”. O director técnico do CC Carballo prognosticou que será no porto de Agualada onde peor o pasarán os ciclistas. “Probablemente sexa o porto de Agualada onde se faga o corte: sexa unha escapada ou ben se seleccione o pelotón”.

Guillermo Sande salientou a dificultade de organizar uns campionatos como os que se disputarán o sábado e felicitou por iso a Club Ciclista Carballo. “Aquí estamos traballando con tres categorías e son moitos os campionatos galegos que se van decidir; e organizadores que teñan a capacidade e que lle boten a valentía organizativa que lle bota o CC Carballo, a verdade é que hai moi poucos, e nós cremos que é o club ideal para organizar estes campionatos”.

Diego Vázquez e Vanessa Loureiro asinaron un convenio de colaboración

Diego Vázquez e Vanessa Loureiro asinaron un convenio de colaboración

Diego Vázquez confirmou esa confianza na entidade carballesa. “Mostro a miña boa impresión pola repercusión que nos dades. Fíxome moita ilusión por ver como se estaba a traballar no Club Ciclista Carballo. Coñezo a Juan [Seoane] e sei a seriedade que demostras e sei como facedes as cousas. A min gústame”, manifestou.

“Para nós é un orgullo ter un club como o CC Carballo, que é un club serio e unha garantía para organizar este tipo de probas en estrada tan complicadas”, dixo o concelleiro de Deporte. Marcos Trigo agradeceu á Federación Galega “que aposte e confíe en Carballo e no Concello de Carballo para que se celebren estes eventos na nosa localidade”.

Ao remate do acto, Loureiro e Vázquez presentaron o novo acordo de colaboración entre o Club Ciclista Carballo e Construcciones Ramón Vázquez y Reino.



Galería

Compartir: