Inicio Carballo ao día Novas O alcalde e a concelleira de Igualdade e Benestar...

O alcalde e a concelleira de Igualdade e Benestar acompañaron a Afaber na inauguración do seu xardín terapéutico

A asociación pretende aproveitar os beneficios do traballo coas plantas para mellorar o benestar físico e mental de 16 usuarios/as

Venres 7 de xullo do 2017

O presidente de Afaber explicou os obxectivos do xardín terapéutico

O presidente de Afaber explicou os obxectivos do xardín terapéutico

En pleno Barrio das Flores nace o xardín terapéutico de Afaber, unha nova iniciativa da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños que se converte en realidade grazas a unha achega de 8.000 euros da Fundación La Caixa e á colaboración do Concello de Carballo.

No acto de inauguración da instalación, o presidente de Afaber, Jesús Villar, agradeceu os apoios recibidos e destacou a importancia da horticultura como terapia e instrumento de integración e socialización. Aínda que agora mesmo o que máis abunda no xardín son as flores, tamén teñen cabida os cultivos de horta. Leitugas, melóns ou tomates cherry son algúns dos produtos que xa están empezando a medrar no recinto situado na parte posterior da sede de Afaber, na rúa Camelias.

A concelleira Maica Ures (segunda pola dereita) louvou o labor de Afaber

A concelleira Maica Ures (segunda pola dereita) louvou o labor de Afaber

En representación do Concello de Carballo asistiron ao acto o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, que louvaron o espírito emprendedor de Afaber, reiteraron o apoio municipal ás iniciativas que contribúen a facer de Carballo un lugar cada vez mellor para vivir e agradeceron tamén o compromiso social da Fundación La Caixa, que estivo representada por Ana Mourelle, directora da oficina principal da entidade financeira.

Proxecto "Terapia en verde"

O proxecto “Terapia en verde: xardín terapéutico” permitirá que 16 persoas que están nas fases 1ª ou 2ª dunha demencia poidan aproveitar os beneficios terapéuticos do traballo coa terra, tanto a nivel físico como cognitivo e sensorial ou emocional. Afaber contará con voluntariado e aproveitará os coñecementos das persoas coidadoras que traballaron no agro para realizar as tarefas de semente, coidado e colleita. Pero o xardín terapéutico servirá ademais para estimular a memoria lembrando os nomes dos produtos ou lembrando as vivencias persoais dos usuarios/as que traballaron no campo, ademais de fomentar a conversa, a orientación temporal e o traballo en equipo.

Compartir: