Inicio Carballo ao día Novas O mítico grupo escocés Capercaillie...

O mítico grupo escocés Capercaillie ofrece en Carballo o seu único concerto en Galicia

A música folk enchera durante a tarde-noite do sábado as rúas da vila e a Praza do Concello

Venres 7 de xullo do 2017 Cultura

Capercaillie, no festival de Lorient

Capercaillie, no festival de Lorient

Carballo fará historia este sábado. O mítico grupo escocés Capercaillie ofrecerá na Praza do Concello o seu único concerto en Galicia, unha oportunidade única para poder gozar dunha das bandas máis importantes da música celta en Europa. O concerto, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración de La Voz de Galicia e a Fundación Luis Calvo Sanz, coincidirá co 30º aniversario da banda, que celebra estas tres décadas sobre os escenarios co álbum “At the heart of it all”.

Con todo o corazón nós tamén agardamos que as persoas afeccionadas á música gocen desta experiencia única na Praza do Concello, reconvertida durante os catro días que van do xoves ao domingo na Praza dos Libros, unha ágora aberta a todas as manifestacións culturais. Porque Capercaillie, que atesoura 19 discos e ten actuado en máis de 40 países de todos os continentes, é, a dicir dos expertos, “a banda máis vibrante e emocionante no campo da música celta”.

Capercaillie está composta por algúns dos músicos máis importantes do mundo, que crearon ao longo destes 30 anos unha identidade musical propia na que se mesturan fielmente as raíces profundas da cultura gaélica con ritmos e texturas instrumentais adaptadas do pop e da música de baile. Os seus concertos, e mañá poderemos comprobalo en Carballo, constitúen un espectáculo excepcional.

Todas as actuacións do Festifolk Costa da Morte, incluído o concerto de Capercaillie, son de acceso libre e gratuíto

Como unha banda destas característica merecía uns “teloneiros” de alto nivel, durante toda a tarde soará a música na praza e polas rúas de Carballo, que acolle unha nova edición do Festifolk Costa da Morte. Ás 20 horas empezaremos a bailar con Vinteenbaio e Druídas da Rolda, e unha hora máis tarde teremos a decenas de gaiteiros de grupos de toda a zona desfilando polas rúas da vila ata rematar na Praza do Concello coa interpretación conxunta do Himno do Antigo Reino de Galicia. Ás 22 horas tomará o relevo o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, que amosarán por que está entre o melloriño de Galicia.

Compartir: