Inicio Carballo ao día Novas Delimitadas áreas de tránsito...

Delimitadas áreas de tránsito peonil en ámbalas marxes da rúa Vila de Negreira

A proposta da Policía Local ten como finalidade mellorar a seguridade nunha vía que ten moito tráfico peonil como rodado

Xoves 6 de xullo do 2017

Na rúa Vila de Negreira, ao igual que noutras áreas urbanas pendentes de desenvolvemento urbanístico, hai un treito importante que carece de beirarrúas. Dado que se trata dunha vía con moito tráfico, tanto peonil como rodado, o Concello de Carballo, a proposta da Policía Local, vén de acometer a delimitación de áreas de tránsito peonil en ámbalas marxes. Deste xeito, os peóns dispoñen dun espazo que, no que se refire á normativa de tráfico, ten a mesma consideración ca unha beirarrúa.

A mellora da seguridade na rúa Vila de Negreira, que ten tamén moito tráfico pesado, é un obxectivo prioritario para a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana, que xa no seu momento optou pola instalación de pasos de peóns elevados e de coxíns berlineses para intentar reducir a velocidade dos vehículos. Agora dá un paso máis coa delimitación de dúas zonas reservadas para os peóns a ámbolos lados da rúa, e que irán acompañadas da correspondente sinalización indicando a prohibición de aparcamento.

A mellora da iluminación, e polo tanto da visibilidade, neses treitos sen urbanizar é outro dos obxectivos nos que está a traballar o goberno municipal de Carballo, para o cal precisa da colaboración dos propietarios do solo.

Compartir: