Inicio Carballo ao día Novas O baloncesto volve a representar ao deporte...

O baloncesto volve a representar ao deporte carballés nos Xogos do Eixo Atlántico

O director de Carballo Deporte, Francisco García Bello, viaxa á fronte da expedición que parte hoxe cara terras luguesas

Martes 4 de xullo do 2017 Deporte

Carballo volverá a estar presente este ano nos Xogos do Eixo Atlántico, cuxa duodécima edición dispútase desde hoxe martes ata o domingo en Lugo, Sarria e Monforte de Lemos. Como nas últimas edicións, será o baloncesto a disciplina que representará ao deporte carballés nun evento que regresa a  Galicia logo de celebrarse nas localidades portuguesas de Guimaraes (en 2013) e Matonsinhos (2011 e 2015). Será a quinta ocasión na que o noso Concello participe nos Xogos, sempre con equipos de baloncesto masculino e, por segundo ano, tamén cun equipo feminino.

Á fronte da expedición viaxará o xerente de Carballo Deporte, Francisco García Bello, a quen acompañarán os adestradores Joaquín Moreira e Iván Villaverde (CB Artai) e Héctor Añón e Javier García (Escola de Basket Xiria). Chegarán a Lugo arredor do mediodía de hoxe, para participar nun desfile inaugural previsto para as 18.00 horas.

Competición

O equipo feminino quedou encadrado no Grupo A, onde terá como rivais aos representantes dos concellos de Monforte de Lemos, Viana do Castelo e Matosinhos. O mércores debutará (Pazo dos deportes, sede de toda a competición, 11.00 horas) fronte ao Matosinhos; o xoves enfrontarase ao Viana do Castelo (11.00), e o venres, ao Monforte (10.00). Os cruces eliminatorios están programados para o sábado e a final, para o domingo.

O equipo masculino xoga no Grupo A, o mesmo que Lugo, Bragança, Braga e Viana do Castelo. Debutará contra o Braga (mércores, 10.00), enfrontarase o xoves ao Bragança (16.00) e o venres ao Lugo (10.00). Como na categoría feminina, os cruces eliminatorios disputarase  o sábado e a final, o domingo.

Compartir: