Inicio Carballo ao día Novas A Concellería de Promoción...

A Concellería de Promoción Económica incentiva a actividade das entidades empresariais cunha achega de 52.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de subvencións ao CCA, Axober, os empresarios do polígono e os do barrio da Milagrosa

Luns 3 de xullo do 2017

O Mercado Medieval da Milagrosa é unha das actividades subvencionadas

O Mercado Medieval da Milagrosa é unha das actividades subvencionadas

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a concesión de subvencións a entidades empresariais para o desenvolvemento da súa actividade ao longo deste ano. A Concellería de Promoción Económica realizará unha achega total de 52.000 euros.

Desta cantidade, 31.979,38 euros irán destinados ao Centro Comercial Aberto (CCA) para a unidade xerencial e iniciativas de promoción comercial e fidelización; a Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa percibirá 11.000 euros para un estudo de viabilidade da implantación da figura do sereno, o gabinete de comunicación e a elaboración dun plan de sinalización e seguridade viaria; á Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) correspondéronlle 5.870,62 euros para o servizo de asesoramento, formación e calidade, promoción e publicidade e gastos de persoal; por último, a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Profesionais do Barrio da Milagrosa poderá dispoñer de 3.150 euros para o Mercado Medieval e as campañas Ponte en cor, Fuxida de escaparates e Todo un barrio para ti. O investimento que deberán xustificar as catro entidades antes do 15 de novembro suma 104.000 euros.

En relación coa actividade empresarial tamén foi aprobada, por outra banda, a licenza para a construción dunha nave destinada a taller de carpintería metálica nunha parcela de 1.452 metros cadrados situada no polígono industrial de Bértoa.

Outros acordos

O goberno municipal deu luz verde tamén aos programas de actividades da Praza dos Libros e do Verán Cultural, aprobou o pago dos premios do festival Carballo Interplay e un novo convenio coa Universidade da Coruña (UDC) para o desenvolvemento do XIII Curso de verán sobre dinamización lingüística, cuxo lema este ano será Traballando en Lingua na Música. O curso celebrarase os días 19 e 20 deste mes. Fóra da orde do día tamén foi aprobado un convenio de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o programa “Vacacións en paz 2017”.

Compartir: