Inicio Carballo ao día Novas A brigada de prevención e defensa contra...

A brigada de prevención e defensa contra os incendios forestais inicia a súa actividade

O equipo que traballará ata o 30 de setembro no noso concello estará formado por un xefe de brigada, un peón condutor, tres peóns de brigada e tres operarios de motobomba

Venres 30 de xuño do 2017

Mañá, 1 de xullo, inicia a súa actividade a brigada de prevención e defensa contra os incendios forestais. O equipo de traballo estará integrado por un xefe de brigada, un peón condutor, tres peóns de brigada e tres operarios de motobomba, que durante os vindeiros tres meses, ata o 30 de setembro, intentarán evitar os lumes no noso concello.

Tal como establece a lexislación vixente, o persoal da brigada integrarase no dispositivo do Distrito Forestal 2, do que forma parte a comarca de Bergantiños, aínda que en caso de necesidade poderá colaborar na defensa de incendios declarados noutros ámbitos da comunidade autónoma. Os traballos de extinción de incendios serán prioritarios, pero os operarios tamén realizarán labores encamiñados á prevención que diminúan o risco de propagación e minoren os danos nos incendios. Estes traballos desenvolveranse en faixas de xestión de biomasa ou nos terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido, así como en vías e camiños forestais nos que non sexa posible realizalos de maneira mecánica.

Deste xeito, os traballos de prevención consistirán en actuacións manuais en vías e camiños forestais, áreas cortalumes e faixas de xestión de biomasa mediante roza, rareo e eliminación de restos.

Compartir: