Inicio Carballo ao día Novas O Concello colaborará coa parroquia na...

O Concello colaborará coa parroquia na retirada dunha árbore do adro da Milagrosa que corre risco de caer

Como medida previa inmediata valarase o perímetro para impedir o acceso de persoas

Xoves 29 de xuño do 2017

Á árbore en mal estada é o ciprés máis alto do adro

Á árbore en mal estada é o ciprés máis alto do adro

O Concello de Carballo colaborará coa parroquia de San Xoán Bautista na retirada dunha árbore situada no adro da capela da Milagrosa debido a que, polo deficiente estado no que se atopa, pode supoñer un risco importante.

A árbore “presenta un estado sanitario deficiente, apréciase unha ampla porcentaxe de copa seca, incluída a zona apical, pólas rotas colgando ou esgazadas a piques de desprenderse e fendas no tronco principal”, sinala o informe técnico

O perigo detectouse a raíz dos labores de inventariado e estudo do arborado que está a levar a cabo o Concello de Carballo coa finalidade de establecer as medidas de xestión e protección necesarias e de evitar riscos innecesarios para a cidadanía. O informe técnico correspondente a esta árbore, un exemplar de ciprés (Cupressus) de gran tamaño, conclúe que a árbore “presenta un estado sanitario deficiente, apréciase unha ampla porcentaxe de copa seca, incluída a zona apical, pólas rotas colgando ou esgazadas a piques de desprenderse e fendas no tronco principal”. Como primeira medida recoméndase impedir o paso de persoas á zona, polo que se colocará un valado perimetral. Así mesmo, o informe técnico propón a extracción do exemplar e a súa substitución “por outro de maior idoneidade”, e engade que no caso de que a retirada non sexa inmediata será preciso quitar as pólas secas “que puideran causar dano” e realizar unha poda de saneamento.

O Concello de Carballo deu traslado do informe á parroquia, por ser a titular do espazo no que se sitúa a árbore, e por parte do cura solicitouse a colaboración municipal para levar a cabo a retirada da árbore. A Concellería de Obras e Servizos encargarase da tarefa, así como do valado inmediato da zona.

Compartir: