Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal lembrou ao ex...

A corporación municipal lembrou ao ex concelleiro Juan José López Pinedo e ás vítimas do incendio de Portugal

Aprobadas bonificacións do 95% do ICIO para cinco empresas, catro das cales desenvolverán a súa actividade no polígono industrial de Bértoa

Xoves 29 de xuño do 2017

O alcalde de Carballo quixo comezar o pleno ordinario de xuño cunha lembranza para o ex concelleiro Juan José López Pinedo, falecido a semana pasada, que Evencio Ferrero fixo extensiva ás “numerosísimas” vítimas do incendio de Portugal. Toda a corporación sumouse á proposta gardando un minuto de silencio.

A sesión celebrouse o mércores 28 para evitar a coincidencia coas Festas de San Xoán. Os membros da corporación resolveron as alegacións presentadas á modificación número 4 da Relación de Postos de Traballo (RPT) aceptando unhas e rexeitando outras. A proposta recibiu os votos a favor do BNG e o PSOE, mentres que o PP abstívose e Terra Galega votou en contra.

Bonificacións de ICIO para 14 empresas este ano

Por unanimidade saíron adiante cinco novas bonificacións do ICIO para outras tantas empresas, catro delas no polígono industrial de Bértoa, co que xa se eleva ata 14 a cifra de iniciativas empresariais que se teñen acollido a estes beneficios fiscais no que vai de ano. Neste caso trátase de proxectos para unha carpintería metálica, unha nave de compoñentes agroindustriais, unha fábrica de produtos químicos e unha carpintería de madeira. A quinta empresa é un centro de especialidades (psicoloxía, psiquiatría, psicopedagoxía e logopedia) que se instalará na avenida das Flores.

O asunto máis debatido do pleno foi unha moción do PP sobre o servizo de abastecemento de auga, que foi rexeitada polo goberno municipal por considerar “que non fai xustiza á calidade do servizo”. PP e Terra Galega presentaron tamén numerosos rogos e preguntas.

Compartir: