Inicio Carballo ao día Novas O alumnado do curso de metal organizado pola...

O alumnado do curso de metal organizado pola Concellería de Promoción Económica está realizando xa prácticas en empresas

A formación impartida no Fórum Carballo adaptouse á demanda actual dun sector que ofrece amplas posibilidades de emprego

Mércores 28 de xuño do 2017

A formación previa incluíu 450 horas teórico-prácticas no Fórum Carballo e os cursos de prevención de riscos laborais, tanto o básico de 60 horas como o específico de estruturas e carpintería metálica de 6 horas

O alumnado do curso de soldadura con chapa fina, tubaxes redondas e cadradas con TIG e MIG/MAG cambiou o taller do Fórum Carballo pola fábrica. Todos os participantes na acción formativa organizada pola Concellería de Promoción Económica están xa a realizar as prácticas non laborais, de 100 horas de duración, nas que tomarán contacto co mundo da empresa e cun sector no que aspiran a atopar unha saída ou unha mellora da súa situación laboral actual.

Os alumnos incorporáronse esta semana ás empresa Mantián Lestayo (Carral), onde xa estaban traballando dous en prácticas desde o 12 de xuño, Aluman (Arteixo), Caamaño Sistemas Metálicos, Neograf Alvedro e Hydracorte, estas tres pertencentes ao Grupo Caamaño (Culleredo). Con estas prácticas non laborais, que rematarán o 13 de xuño, completarán a súa formación, que incluíu 450 horas teórico-prácticas no Fórum Carballo e os cursos de prevención de riscos laborais, tanto o básico de 60 horas como o específico de estruturas e carpintería metálica de 6 horas.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, expresou o compromiso do goberno municipal coa formación orientada ao emprego, e o curso de metal é unha mostra dese compromiso. O Concello de Carballo aposta pola formación propia e de calidade para impulsar a empregabilidade, ou tamén a mellora das condicións laborais, dos traballadores dun sector con tan boas perspectivas de futuro coma o metal. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e o volume de ofertas do sector que recibe a Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, cun total de 40 postos no último ano, confírmao.

Compartir: