Inicio Carballo ao día Novas A Zona Azul queda suspendida do 21 ao 27 de...

A Zona Azul queda suspendida do 21 ao 27 de xuño, coincidindo coa Semana Grande de San Xoán

Martes 20 de xuño do 2017

Do 21 ao 27 de xuño o aparcamento nas prazas da Zona Azul será libre

Do 21 ao 27 de xuño o aparcamento nas prazas da Zona Azul será libre

A Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana, a proposta da Policía Local, establece a suspensión da limitación do aparcamento en Zona Azul entre os días 21 e 27 de xuño, ámbolos dous incluídos, coincidindo coa Semana Grande de San Xoán. Durante estes sete días os condutores e condutoras poderán estacionar os seus vehículos libremente nas prazas nas que habitualmente está limitado a 90 minutos o tempo máximo de estacionamento.

Tal como establece a ordenanza municipal sobre circulación e utilización das vías públicas no seu artigo 18, “a autoridade municipal, en casos de emerxencia ou ben pola celebración de actos deportivos, culturais ou de calquera outra natureza, susceptibles de producir grandes concentracións de persoas ou vehículos, poderá modificar temporalmente a ordenación do tráfico existente e adoptar, no seu caso, todas as medidas preventivas necesarias para garantir a seguridade das persoas e vehículos e unha maior fluidez na circulación”.

Alternativas para residentes

Dentro das medidas propostas pola Policía Local de Carballo  tamén figura o establecemento de vías de acceso alternativas para as persoas residentes e/ou usuarias de garaxes nas rúas que permanecerán pechadas durante as festas. Deste xeito, os veciños e veciñas do edificio O Cedro, na rúa Desiderio Varela, poden entrar e saír pola Gran Vía xa desde hoxe. A partir de mañá, para os condutores residentes nas rúas San Xoán Bautista, Santa María e Igrexa tamén se habilitará unha saída pola rúa San Antonio en dirección a Santa Ana e a glorieta da rúa do Sol.

A Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana e a Policía Local de Carballo piden desculpas polas posibles molestias e agradecen a colaboración da cidadanía para facer posible a conciliación dos distintos usos que teñen as rúas máis céntricas durante a celebración das festas patronais.

Compartir: