Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local inicia o proceso para a...

A Xunta de Goberno Local inicia o proceso para a contratación da obra de reforma do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero

O Concello de Carballo investirá 131.062 euros no peche e o acondicionamento da instalación, ao tempo que mellora a accesibilidade en toda a contorna do colexio

Luns 19 de xuño do 2017

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe o contrato das obras de reforma do pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, que suporán un investimento de 131.062 euros co obxectivo de acometer o peche da instalación, a iluminación ou a mellora da accesibilidade dende o propio centro, entre outras actuacións.

O proxecto será financiado integramente con fondos municipais, e vense sumar as obras de mellora da accesibilidade que se están a acometer nestes momentos na contorna do colexio.

Nesta primeira fase os traballos céntranse nas rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal, nas que, ademais de pensar na mobilidade de alumnado e familias, tamén se acomete a instalación dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, recollida de augas pluviais, alumeado, electricidade, teléfono, fibra ou gas canalizado. A solución adoptada consiste no acondicionamento de franxas verdes pegadas ao muro de peche do colexio, amplas zonas peonís, aparcamentos e calzada dun só carril, xa que se establecerá a dirección única para priorizar a circulación peonil e garantir a seguridade nun entorno escolar. Na outra marxe da rúa Fotógrafo Xosé Vidal a urbanización completarase cando se desenvolva urbanisticamente ese ámbito.

Nunha segunda fase, que o Concello de Carballo pretende acometer o antes posible, a actuación centrarase nas rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello, de tal xeito que quedará urbanizado todo o perímetro do centro educativo.

Outros acordos

Ademais da aprobación do proxecto do pavillón do CEIP San Luís Romero, que non figuraba na orde do día, a Xunta de Goberno Local tamén iniciou o proceso para a contratación das obras de reposición da capa de rodadura no polígono industrial de Bértoa, financiadas a través dun convenio coa Deputación Provincial da Coruña cun total de 164.793,25 euros.

En materia de contratación foron adxudicados tres proxectos: a rede de saneamento no lugar do Cotote, na parroquia de Sofán, por 50.844,20 euros; as obras de reparación da rede viaria na mesma parroquia, por 199.226,50 euros; así como as da parroquia de Rus, por 172.001,50. As tres obras serán executadas pola empresa local Construcciones Ramón Vázquez y Reino.

Compartir: