Inicio Carballo ao día Novas Realizados máis de 50 rexistros no...

Realizados máis de 50 rexistros no primeiro día de funcionamento do Rexistro Electrónico Municipal

Á espera da entrada en servizo da sede electrónica do Concello de Carballo, as persoas que prefiran realizar os trámites online teñen dispoñible a sede estatal no enderezo https://rec.redsara.es

Mércores 24 de maio do 2017

No primeiro día de funcionamento do Rexistro Electrónico Municipal xa se realizaron máis de 50 rexistros. Aínda que algúns chegaron vía online, a maioría dos trámites (45) foron presenciais. Unha das principais diferenzas con respecto ao sistema tradicional é a necesidade de escanear e devolver aos cidadáns todos os documentos que presentan, o que provoca que a tramitación sexa un pouco máis lenta. Nestas primeiras xornadas está a reforzarse o persoal do rexistro para intentar que as agardas sexan o mínimas posible. Nese sentido, o Concello de Carballo agradece a comprensión da veciñanza e pide desculpas polos posibles desaxustes propios da estrea.

O rexistro xeral da Casa do Concello está aberto para a tramitación presencial de documentos en horario de 09.30 a 13.30

O proceso de implantación da administración electrónica implica a posta en marcha da sede electrónica do Concello de Carballo, que estará dispoñible en breve. O proceso é gradual, e comezou coa posta en funcionamento do rexistro electrónico, que, por lei, é de uso obrigatorio para persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica, profesionais de actividades que requiran colexiación obrigatoria, notarios, rexistradores da propiedade e mercantís, quen represente a un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración e os empregados das Administracións Públicas. Excepcionalmente, e durante o prazo dun ano, poderán seguir utilizando o rexistro de entrada presencial as entidades sen personalidade xurídica ou asociacións “que pola súa capacidade económica, técnica, dedicación ou outros motivos non teñan acceso ou dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios”. Para as persoas físicas a utilización do rexistro electrónico terá carácter preferente, pero será voluntaria.

Á espera da entrada en servizo da sede electrónica municipal, a cidadanía pode realizar igualmente todos os trámites relacionados co rexistro de documentos as 24 horas do día e os 365 días do ano a través da sede estatal https://rec.redsara.es, como xa fixeron hoxe os primeiros usuarios. Os rexistros presenciais seguirán funcionando, aínda que durante o período de implantación do rexistro electrónico só estará operativo o rexistro xeral da Casa do Concello, en horario de 09.30 a 13.30.

Compartir: